O BNG pide que Galicia destine o 2% dos fondos europeos Next Generation ao sector cultural

A líder nacionalista mantivo un encontro con representantes do Consello da Cultura Galega.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/01/2022 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expuxo que Galicia debe destinar o 2% dos fondos Next Generation da Unión Europea ao sector da cultura para fortacelerlo tras o impacto da crise da covid e consolidar o seu desenvolvemento a futuro. A líder nacionalista visitou este venres a sede do Consello da Cultura, no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela, onde mantivo un encontro coa presidenta da entidade, Rosario Álvarez Blázquez.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, durante unha visita á sede da institución
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, durante unha visita á sede da institución | Fonte: BNG.

Tras a reunión, Pontón enxalzou o papel que xoga o Consello da Cultura na defensa da cultura e a lingua galegas. "É unha institución recoñecida no Estatuto e tamén na sociedade á hora de fortalecer o noso sistema cultural e pór en alza políticas que fagan máis forte e máis resiliente e contemporánea nosa cultura", manifestou.

Neste sentido, Pontón incidiu en que o sector cultural representa o 2% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e que, por tanto, esa debería ser a porcentaxe que tería que recibir dos fondos europeos extraordinarios Next Generation.

Subliñou que a pandemia afectou de forma "moi significativa" ao sector e as industrias culturais polas restricións impostas desde as administracións para facer fronte á crise, polo que considera prioritario que se deseñen políticas apoiadas en fondos para emendar a profundidade do impacto da crise.

Pero tamén cre necesario "mirar cara ao futuro" e que, neste sentido, os fondos Next Generation representan "unha grande oportunidade" para que Galicia "fortaleza o seu sistema cultural".

Así, propón dedicar o 2% destas partidas á creación dun fondo cultural galego, á aposta pola recuperación do patrimonio "como un activo cultural, económico e dinamizador" e, por último, a "fortalecer" as industrias culturais do país.

"Sería un grande erro e unha estafa que eses fondos terminasen nas mans de tres ou catro multinacionais e que non chegasen á pequena e mediana empresa e ao tecido cultural", aseverou Pontón, que emprazou a traballar "para que a cultura non quede á marxe deses recursos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta