'Preparación para a vellez' e 'lecer activo para a mocidade', actividades de inverno en Allariz

O concello vén de presentar un programa de actividades invernais para a mocidade e ofrece dous interesantes obradoiros relacionados co coidado dos maiores e a xestión da vellez.

Por X.M. Fernández | Allariz | 25/01/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este pasado 22 de xaneiro comezou no Concello de Allariz a programación de actividades dirixidas á mocidade que se desenvolverá no primeiro trimestre deste ano. Fíxoo cun obradoiro de djembe no que se construirá este instrumento con materiais de refugallo e se adquirirán nocións básicas para tocalo.

Formación do SAF (arquivo). Foto: Prensa Concello de Allariz.
Formación do SAF (arquivo). Foto: Prensa Concello de Allariz.

Ademáis deste obradoiro dirixido á mocidade e ao público en xeral, as e os interesados poderán facer saídas de sendeirismo, obradoiros de maquillaxe de entroido, de arte urbano, unha saída cicloturista, paint ball, ruta astronómica, etc.

Un amplo abano de posibilidades para o público en xeral pero priorizando no caso de exceso de prazas á mocidade de 13 a 33 anos. Para que a actividade se realice débese cubrir un mínimo de 10 inscricións.

Ademais das actividades referidas, tamén se programará para finais de xaneiro un mercado de troco e xa no mes de marzo unha formación coa asociación Andrea sobre terapias asistidas con animais.

Iago Santás, concelleiro de Mocidade, confía en "que as actividades sexan do interese dos mozos e mozas e que se animen a participar nesta programación de inverno que tenta abarcar opcións para todos os gustos" e lembra que para inscribirse e informarse teñen a disposición das interesadas e interesados o correo mocidade@allariz.gal, e o telefono  988 680 434, podendo tamén ir en persoa á Casa da Mocidade.

Logo 'Inverno na mocidade'
Logo 'Inverno na mocidade'

OBRADOIROS SOBRE A VELLEZ

E como a preocupación do Concello de Allariz respecto da súa veciñanza é interxeracional, a área de igualdade e benestar social organiza, dentro do marco do convenio co Instituto de Sexoloxía Incisex, formacións tanto para o SAF, así coma para o proxecto das Doulas Sororas ou para persoas interesadas.

A primeira delas terá lugar o xoves 3 de febreiro entre as 18:30 h. e as 20:30 h. no Fogar dos Maiores de Allariz. “Pór en valor a vellez. Promovendo os coidados e a autonomía” é un obradoiro pensado para ás auxiliares do SAF e aquelas persoas que se dediquen ao sector dos coidados, en participar con persoas maiores.

A segunda formación ofertada será o venres 4 de febreiro entre as 16:00 h. e as 18:00 h. no Fogar dos Maiores. Baixo o título: “A que tivo, retivo! Mulleres e vellez” preséntase un obradoiro pensado para as mulleres do proxecto Doulas Sororas así como para as mulleres das AAVV dos núcleos rurais de Allariz. Tamén poderán asistir persoas que estean interesadas na materia. O tema no que xirará este obradoiro será a época da vellez e como se xestiona no século XXI isto, entre outras cuestións.

Os obradoiros serán impartidos por Almudena Herranz Roldán, docente do instituto de sexoloxía Incisex, as prazas son limitadas e o prazo de inscrición para os obradoiros remata o venres 28 de xaneiro. Para máis información ou para formalizar a inscrición poderase enviar un correo a igualdade@allariz.gal ou chamar ao número de teléfono 988 554 059.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta