Obxectivo: mellorar o saneamento do río Támega

Augas de Galicia elaborará un estudo sobre posibles solucións e a Confederación do Douro remitirá unha proposta de convenio.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 25/01/2022 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou a disposición da Xunta de colaborar coa Mancomunidade da comarca de Verín e coa Confederación Hidrográfica do Douro --dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica-- para mellorar o saneamento do río Támega.

Reunión sobre o saneamento do río Támega
Reunión sobre o saneamento do río Támega | Fonte: Xunta de Galicia.

A pesar de que o río Támega pertence á Confederación Hidrográfica do Douro, será a Xunta, a través de Augas de Galicia, quen elaborará e financiará un estudo para atopar as solucións "máis adecuadas" aos problemas de saneamento nos concellos de Verín, Castrelo do Val e Monterrei.

Ademais, búscase axilizar "o máximo posible" as tramitacións, xa que o obxectivo é que o Ministerio para Transición Ecolóxica destine fondos 'Next Generation'.

En paralelo ao traballo de Augas de Galicia, a Confederación do Douro remitirá unha proposta de convenio coa Xunta e a Mancomunidade para desenvolver xuntos a redacción dos proxectos, a súa tramitación ambiental e a execución das obras, co obxectivo de que se financien cos fondos europeos.

Vázquez anunciou esta colaboración da Xunta nunha reunión convocada polos alcaldes dos municipios afectados, posto que ven a "necesidade" de resolver os problemas de saneamento.

Os problemas concéntranse na zona alta do río Támega, os cales afectan os colectores de auga e producen "frecuentes infiltracións".

A conselleira sinalou que é necesario que a xestión de saneamento, depuración e abastecemento de auga se faga "adecuadamente", tanto por motivos de "saúde pública e responsabilidade ambiental", como polas consecuencias económicas no turismo ou a pesca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta