Santiago implícase co envellecemento activo dos maiores

O consistorio vén de crear un consello para deseñar medidas neste eido.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2022 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela constituíu este mércores o Consello Municipal de Persoas Maiores, co que se busca impulsar medidas para o envellecemento activo. Este órgano ten a función de promover, colaborar e asesorar na realización de estudos e iniciativas sobre a situación das persoas maiores no municipio.

A iniciativa partiu da Plataforma de Pensionistas de Compostela e conta co apoio doutras asociacións e entidades que mostraron o seu interese en participar neste Consello. O pleno municipal chegou a un acordo sobre esta cuestión en 2019 e aprobou a súa regulación en marzo do pasado ano.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou este mércores, en declaracións a Europa Press, que "é unha oportunidade estupenda de dar voz e protagonismo a unha parte importante da sociedade" que, no caso da capital galega, constitúe máis do 20% da poboación.

O rexedor afirmou que, ante o aumento anual desta porcentaxe da poboación, "a situación obriga a mirar o tema do envellecemento dunha forma diferente a como se facía fai 30 ou 40 anos". Ademais, Bugallo insistiu na importancia de que as persoas maiores teñan un papel activo na vida da cidade porque "non hai ningunha sociedade que poida prescindir dunha porcentaxe tan alta dos seus integrantes".

O Concello previu que este Consello empece a funcionar a partir do próximo mes. O órgano realizará estudos que complementen os xa existentes sobre a situación da terceira idade en Santiago tras a pandemia ou a cobertura ás persoas maiores que viven soas, entre outras actividades.

Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO
Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta