O TSXG condena a Conservas Carnota por vulneración de dereitos sindicais

O alto tribunal galego considera nulo o despedimento dunha traballadora afiliada a CCOO e ordena a súa readmisión nas mesmas condicións.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 27/01/2022 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena a Conservas Carnota (grupo Conservas Dani) pola vulneración de dereitos sindicais dunha traballadora afiliada a CCOO, despedida por un suposto baixo rendemento. Segundo o alto tribunal galego, o despedimento baseouse na pertenza da despedida a un sindicato que lle resultaba "incómodo á empresa", pois nos últimos anos lle gañou máis de vinte reclamacións xudiciais, segundo destacan dende CCOO.

Concentración das traballadoras de Conservas Cuca
Concentración das traballadoras de Conservas Cuca | Fonte: pruebaatv.blogspot.com

O argumento fundamental para chegar a esta conclusión, esgrimen dende o sindicato, é que a traballadora foi despedida canda a outras tres —cuxas demandas se atopan en distinta fase procesual—. Todas elas compartían dúas condicións: seren fixas-descontinuas e afiliadas a CCOO. Ademais, afirman que os despedimentos foron realizados a poucos meses de se celebraren as eleccións sindicais na empresa.

O TSXG coincide con esta liña argumental ao sinalar que o despedimento das catro traballadoras, notificado en decembro do 2020, "incidía decisivamente no resultado das próximas eleccións" sindicais, que tiveron lugar no verán do 2021. Segundo CCOO, non é habitual que ás afiliadas de base se lles recoñeza esta vulneración de dereitos sindicais, normalmente reservado aos delegados é delegadas, "pero o TSXG viu clarísimo que o despedimento estaba fundamentado na afiliación a un sindicato incómodo e reivindicativo".

No auto, o  alto tribunal galego tamén apunta que na carta de despedimento se fixese mención a unha diminución do seu rendemento, "especialmente no último mes", cando no período referido a traballadora estaba de baixa médica, conforme se acreditou documentalmente no proceso xudicial. "Era unha torpe escusa por parte da conserveira", censuran desde CCOO.

Así mesmo, o TSXG insta a Conservas Carnota e ao grupo Conservas Dani a readmitiren a traballadora nas mesmas condicións, a lle aboaren os salarios de tramitación e lle pagaren unha indemnización de 6251 euros para resarcila dos prexuízos e do dano moral sufrido, amais do pagamento das custas xudiciais.

Por último, CCOO aplaude que esta sentenza chegue no medio da mobilización para esixir un convenio colectivo digno no sector das conservas de peixe. Permite "volver situar no primeiro plano da actualidade" a situación de precariedade laboral "e incluso de acoso empresarial" que padecen as traballadoras, que constitúen a gran maioría da man de obra.

Precisamente, o sector volverá á folga os días 3 e 4 de febreiro para esixir respecto aos dereitos laborais e un convenio que permita gañar dereitos nunha actividade que xera milleiros de postos de traballo en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta