Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/02/2022 | Actualizada ás 19:49
A CRTVG destacou que a Televisión de Galicia continúa "crecendo", ao terminar o mes de xaneiro cunha cota de pantalla do 10,4% no conxunto do día e que o prime time creceu ata o 11,2%, por encima da media alcanzada no 2021 (10,1%). O ente xplica que este inicio do ano estivo marcado de novo polo liderado informativo.
Neste sentido, apunta que o seguimento da información de proximidade na franxa informativa do mediodía, entre as 13,30 horas e as 15,30 horas, eleva a audiencia do 'Galicia noticias' e o 'Telexornal mediodía' ata o 20%, de luns a venres, superando ao competidor máis próximo en 2,2 puntos de cota (Antena 3, cun 17,8%).
Ademais, no prime time, a Galega mantén a segunda posición, destacando as cotas alcanzadas os martes (11,4%), coa emisión de '48 horas para o si'; dos xoves (12 %) con 'Land Rober Tunai Show', e dos venres (11,9 %) con 'Luar'. Deste xeito, seis dos sete días da semana a CRTVG supera o 10% de audiencia, o que, segundo a entidade, mostra o "gran grao de penetración e sintonía coa cidadanía da grella dos medios públicos".
A corporación destacou que xaneiro foi tamén un mes de crecemento no ámbito dixital. Así, indicou que se converteu na primeira canle de España en combinar de forma simultánea a emisión a través da TDT, da Radio Galega, da súa canle na plataforma Twitch e tamén en Youtube.
Segundo lembrou, fíxoo a pasado fin de semana para acompañar ás Tanxugueiras na gala final de selección do representante español en Eurovisión 2022, nunha emisión múltiple que reuniu a case 300.000 persoas na noite do sábado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.