O PSdeG ataca a Feijóo: "Irresponsabilidade é manter a precaridade"

Critica que non queira apoiar a reforma laboral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O PSdeG afeou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as súas palabras sobre a reforma laboral que se debate este xoves no Congreso dos Deputados despois de que o mandatario do PP en Galicia sinalase que o apoio do seu partido á proposta do Goberno sería "unha irresponsabilidade".

"Irresponsabilidade é manter a precaridade que hai no país e non pór medidas", aseverou a parlamentaria socialista na Cámara galega Carmen Rodríguez Dacosta nunha rolda de prensa celebrada no Pazo do Hórreo na mañá deste xoves. A deputada incidiu en que a reforma pactada polo Goberno con patronal e os dous principais sindicatos (CCOO e UGT) "pode reverter a situación de precaridade" que, di, existe no mercado laboral galego, grazas, segundo Rodríguez Dacosta, á aposta "pola creación de emprego indefinido".

A temporalidade foi un dos elementos sinalados pola parlamentaria durante a súa comparecencia ante os medios para soster o seu argumento de que a situación do mercado laboral de Galicia empeorou durante a etapa de Feijóo á fronte da Xunta de Galicia.

Así, a deputada apuntou á perda "do 9,9%" das horas traballadas na comunidade no período transcorrido entre 2008, último ano do goberno bipartito entre PSdeG e BNG antes do regreso dos populares a San Caetano, e o recentemente concluído 2021.

"Esa é a herdanza de Feijóo en materia laboral", aseverou Rodríguez Dacosta, que tamén incidiu nas "fortes caídas" no volume de emprego de "sectores estratéxicos" como a gandaría e agricultura, a industria téxtil (24,8%), a química e farmacéutica (14,9%) ou o naval (38,8%).

Así, advertiu que Galicia continúa "á cola" do Estado en creación de emprego como, di, reflicten os datos da Enquisa de Poboación Activa do último trimestre de 2021, no que os postos de traballo en Galicia aumentaron "catro veces e media menos" que no conxunto estatal.

A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta nunha rolda de prensa. PSDEG
A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta nunha rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta