A produción industrial dispárase un 8,2% en Galicia en 2021, o maior aumento na serie histórica

Crece máis que a media española e rompe con dous anos consecutivos de baixadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2022 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) creceu un 8,2% en Galicia en 2022, o que supón o maior aumento na serie histórica (das comunidades só disponse de datos a partir de 2003), segundo publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, rompe con dous anos consecutivos de baixada da produción industrial en Galicia: 2019 (-3,8%) e 2020 (-8,5%). Nos últimos 20 anos, tan só o incremento que se produciu en 2006 (7,6%) aproxímase ao crecemento de 2021.

O aumento da produción industrial galega está un punto por encima do avance en España, onde a media de alza é do 7%, maior subida desde 1994 (hai datos estatais desde 1975).

Entre comunidades na media de 2021, o de Galicia supón o sexto maior incremento, nun ano de avance xeneralizado. Destaca o 15,7% que crece Asturias.

Por sectores, o que máis eleva a súa produción na comunidade galega son os bens de consumo duradeiro (+60,9%), seguidos de bens de consumo non duradeiro (+19,3%), mentres só baixa nos bens de equipo (-1%).

Con todo, no mes de decembro, Galicia pecha o ano cun descenso do 2% en comparación co último mes de 2020. En cambio, hai unha alza do 2,7% na media española.

AVANCE EN ESPAÑA

Co avance de 2021, a produción industrial volve a taxas positivas despois do esborralle do 9,2% que sufriu en 2020 como consecuencia da pandemia e das restricións asociadas á mesma.

En 2021 todos os sectores elevaron a súa produción, aínda que con distinta intensidade. Os ascensos máis significativos déronse nos bens de consumo duradeiro (+18%) e nos bens intermedios (+9,9%), seguidos dos bens de consumo non duradeiro (+6,8%), dos bens de equipo (+6,4%) e da enerxía (+2,7%).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial aumentou un 7,2% en 2021, con repuntes en todos os sectores, especialmente nos bens de consumo duradeiro, onde a produción subiu a unha taxa de dous díxitos (+18%).

No último mes de 2021, a produción industrial incrementouse un 2,7% respecto de decembro de 2020, taxa 2,7 puntos inferior á rexistrada en novembro.

En termos mensuais (decembro de 2021 sobre novembro do mesmo ano) e dentro da serie corrixida, a produción industrial retrocedeu un 2,6%, o seu maior descenso mensual desde abril de 2020.

Arquivo - Tren ao que fornece GNL Reganosa. REGANOSA - Arquivo
Arquivo - Tren ao que fornece GNL Reganosa. REGANOSA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta