O "singular" xacemento arqueolóxico do Grove que segue a ocultar misterios

O complexo de Adro Vello inclúe unha igrexa, unha vila romana e unha factoría de salgadura. Vén de ser declarado BIC pola Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2022 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de zona arqueolóxica o xacemento de Adro Vello, no Grove. Con esta publicación, o xacemento pasa de inmediato a estar protexido pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

A declaración como BIC afecta a zona situada no bordo da praia de Carreiro, na parroquia de San Vicente do Mar, e a medida fundaméntase no seu interese científico e cultural, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis singulares da comunidade galega.

Sobre esta singularidade, a Xunta traslada, a través dun comunicado, que a documentación achegada na declaración establece que a zona arqueolóxica de Adro Vello constitúe un fito de importancia chave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés. A zona conta cunha variada tipoloxía de restos: unha factoría de salgadura, unha vila romana, un sistema defensivo, unha igrexa, restos de cerámica ou unha necrópole de inhumación con ata dez niveis. Todo iso avala o potencial de Adro Vello como unha das zonas arqueolóxicas máis importantes do noroeste peninsular.

Deste xeito, a incoación do expediente e a súa publicación no DOG supón a aplicación inmediata, provisional ata a súa aprobación definitiva, nun prazo máximo de dous anos, da máxima protección e tutela. A apertura do procedemento implicará tamén a súa inscrición de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural de Galicia da Administración do Estado.

DELIMITACIÓN DA ZONA

Segundo a Xunta, tanto a delimitación como o contorno de protección determinouse seguindo unha serie de criterios que permiten a conservación efectiva dos restos, atendendo á probable extensión dos mesmos e a morfoloxía do terreo. Para isto, procurouse seguir os límites actuais do catastro e a orografía da zona, onde tamén se integra parte da praia debido á aparición constante de restos arqueolóxicos.

Ademais, na contorna de protección están integrados todos aqueles elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos próximos ao xacemento que foran localizados ou recuperados desde a época romana ata a actualidade co obxectivo de preservar os espazos cuxa utilidade poida estar vinculada á comprensión dos valores culturais, de estudo ou de apreciación deste xacemento.

Adro Vello
Adro Vello

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta