Repulsa do Concello de Santiago ao concerto de Kaydy Cain, cuxas cancións "denigran" ás mulleres

"Estamos en contra de calquera cultura audiovisual e musical, que agride violentamente ás mulleres e á súa dignidade", sinalan desde o consistorio compostelán.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/02/2022 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

A concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago, así como os grupos municipais do PSdeG, Compostela Aberta e BNG, manifestaron a súa repulsa polo concerto que o cantante de trap, Kaydy Cain, ten previsto ofrecer este xoves nun espazo privado da cidade compostelá, posto que consideran as súas letras "vejatorias" e "denigrantes" para as mulleres.

"Estamos en contra de calquera cultura audiovisual e musical, que agride violentamente ás mulleres e á súa dignidade. Somos un Concello que traballa a favor da igualdade, declarado libre de violencias machistas, polo que mostramos a nosa desconformidade coa celebración de calquera tipo de acto sexista no que se faga apoloxía do machismo", declaran.

É por este motivo que, aseguran, sitúanse "en contra deste tipo de concertos" e esixen "respecto" para a figura das mulleres "en todo tipo de actos públicos e privados".

Tamén o municipio de Mos expresou o seu rexeitamento este pasado luns á actuación que o cantante de trap ten prevista ofrecer o vindeiro venres nunha sala de concertos da localidade. Fixérono, todos os grupos municipais, mediante unha declaración institucional.

O cantante xa tivo varias polémicas debido ás súas letras e videoclips. Hai apenas unhas semanas mesmo foi acusado, en redes sociais, de abusar sexualmente de varias mulleres; acusacións que el negou.

Kaydy Cain. TWITTER @KAYDYCAIN
Kaydy Cain. TWITTER @KAYDYCAIN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta