O director da CRTVG sobre o veto a un xornalista: "Nós temos os nosos criterios profesionais"

O PSdeG preguntoulle sobre o veto a informar sobre un libro do xornalista Anxo Lugilde que acusa aos medios públicos de estar ao servizo de Feijóo e de ocultar toda crítica cara a el.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/02/2022 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A voceira de CRTVG do Grupo Socialista, Noelia Otero, denunciou este xoves, na Comisión de CRTVG do Parlamento, o veto da Televisión de Galicia e da Radio Galega á obra ‘A vella compañeira’ de Anxo Lugilde. Esta publicación, que aborda a problemática da saúde mental -concretamente a depresión-, foi noticia na “práctica totalidade de medios” a nivel galego e estatal, agás nos medios públicos galegos.

Alfonso Sánchez Izquierdo. EUROPA PRESS - Arquivo
Alfonso Sánchez Izquierdo. EUROPA PRESS - Arquivo

Cal é o criterio xornalístico diferencial coa práctica totalidade dos medios galegos, dos máis importantes do conxunto do Estado, públicos e privados, para non mencionar e dar cobertura a unha obra sobre saúde mental, dun xornalista galego, escrita en galego e recoñecida a tantos niveis pola súa visibilización da depresión e das enfermidades mentais?”, preguntou Otero ao director da CRTVG.

"Eu co mesmo criterio tamén lle podo traer outra lista interminable de autores cuxa obra foi exposta na CRTVG e case ningún outro medio publicitou. E, por iso, non se nos ocurre criticar os criterios dos profesionais doutros medios porque non sexan os nosos. Nós temos os nosos criterios", asegurou Sánchez Izquierdo na súa resposta.

Lugilde ten denunciado en numerosas ocasións ter sido vetado das canles públicas galegas por orde da Secretaría Xeral de Medios, algo que, segundo indicou, agravou a súa situación mental. "Desexamoslle a todas as persoas aqueixadas desta problemática unha pronta recuperación sendo consciente a dificultade que entraña", dixo Sánchez Izquierdo en alusión a esta efermidade. 

"El foi convidado para facer unha entrevista na CRTVG que logo non saíu adiante", lembrou Noelia Otero ao aludir a este veto. Por iso, cualificou de “cando menos curioso” que a obra “non teña eco nos espazos da nosa radio e televisión pública”, dada a súa “boa acollida” e cando mesmo o presidente do goberno de España convidou ao autor, a raíz da publicación do seu libro, a intervir na presentación do Plan de Acción 2021-2024 de Saúde Mental realizada no Palacio da Moncloa.

ENFERMIDADES MENTAIS

“Todas as expectativas previas de repercusión da obra que tiñan as tres editoriais foron desbordadas amplamente en televisión, radio e prensa de papel e dixital”, sinalou Otero, quen incidiu en que é “rechamante en termos de criterio” a “falla de cobertura” desta información por TVG e Radio Galega tendo en conta “o contido, a realidade e o enorme impacto da obra” e cando existe unha “sensibilidade social arredor do asunto”.

Por último, Otero lembrou que “a OMS estima que, polo menos, o 5% dos adultos de todo o mundo sofre depresión cada ano” e, “aínda que se trata da principal causa mundial de discapacidade, os especialistas consideran que segue sendo unha crise sanitaria desatendida”, polo que instou á entidade a darlle difusión e cobertura á saúde mental e, especificamente, a esta obra e ao seu autor como especialista nesta cuestión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta