A manipulación nun titular

Como cada mañá botáballe unha ollada aos xornais. Unha cousa rápida, mirar os titulares e tomar nota mentalmente dos temas sobre os que ao longo do día volvería para ler con calma. Na Voz de Galicia chamoume a atención unha nova: “O SEPE encarga un estudo a unha universidade británica par investigar aos parados españois”. “E non haberá universidades españolas que podan facelo?”, foi o primeiro que pensei, e o que moitas persoas, como logo souben ao comentar a nova, pensaron tamén. O redactor lembrábanos nas primeira liñas que o SEPE, o Servizo Público de Emprego, depende do Ministerio de Traballo.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 25/02/2022

Comparte esta noticia

Como o tema interesábame lin axiña o artigo. O redactor do xornal explicaba que “...as autoridades españolas encomendan aos analistas británicos que estudien cuestións relacionadas co comportamento dos desempregados...”. O xeito na que se redacta a nova parece indicar que o estudio, ou estudios, fanse por indicación do SEPE e aínda que se menciona que é no marco dun convenio de colaboración o xornalista oculta, como despois comprobei, información relevante.

Titulares da edición xeral de La Voz de Galicia e a edición do mesmo xornal na Mariña en relación ao coronavirus
Titulares da edición xeral de La Voz de Galicia e a edición do mesmo xornal na Mariña en relación ao coronavirus

O convenio fora publicado, no Boletín Oficial do Estado, uns días antes de que o xornal se fixera eco, en concreto o sábado 5 de febreiro, e a lectura do texto completo, sen intermediarios, sen filtros, da a idea real da relación entre o SEPE e a University College London. Por parte da entidade española subministraranse datos que permitan que a universidade inglesa faga estudios de diverso tipo sobre o mercado de traballo español. A universidade inglesa fará partícipe ao SEPE dos resultados da investigación que desenvolva e adquire o compromiso de citar a procedencia dos datos.

O convenio especifica na súa cláusula terceira, algo importante, que o xornal coruñés esquece mencionar: “O presente Convenio carece de contido económico e non xera obrigas nin contraprestacións económicas entre as partes asinantes”. Nin mais nin menos, a pesar do que o titular pretende transmitir aos lectores nin un euro español cruzara o Canal da Mancha.
A cesión de datos por parte dunha entidade pública a un centro de investigación é algo común e está enmarcado nas políticas actuais de facilitar o uso das inxentes cantidades de datos que as administracións acumulan, facendo posible a súa incorporación ás mais diversas investigacións e promovendo a xeración dun coñecemento que permitirá mellorar as políticas públicas que se desenvolven. É unha política beneficiosa para as administracións, beneficiosa para os centros de investigación e beneficiosa, o que é mais importante, para a sociedade.

Que unha universidade como o University College London teña acceso aos datos do SEPE beneficiará á goberno español e de seguro contribuirá a que entendamos mellor determinadas situacións. Sen desmerecer a ninguén, trátase dunha universidade que figura, ano tras ano, entre as cinco mellores de Europa e ano tras ano situase entre as vinte primeiras a nivel mundial, en todos os estudos que se publican. O director do departamento de Economía, o académico italiano Antonio Guarino, foi mereceron dunha axuda do European Research Council hai uns anos, que so reciben as propostas de investigación que son cualificadas de excelente e que abren novos campos de investigación, que se sitúan na fronteira do coñecemento, a mesma liga na que xoga, por exemplo, o economista francés Thomas Piketty, por poñer un exemplo que resultará sobradamente coñecido.

Debemos ter en conta que os datos que o SEPE pon a disposición da universidade londinense non se consumen co seu uso... eses mesmos datos, como calquera outro, poden ser utilizados por outros centro de investigación, dende a Universidade da Coruña á Universidade de Málaga, por exemplo, mediante a sinatura do oportuno convenio de colaboración. Non existe por parte do University College London un dereito de exclusividade no acceso aos datos.   

O titular da Voz de Galicia é un erro?. Permitídeme dubidar. O ex-concelleiro Alberto Lema na súa crónica novelada do goberno de Marea Atlántica, “Pazo de Inverno”, merecedora do premio García Barros o ano pasado, relata como un medio de comunicación pode influír na política local: o ataque directo, a choiva fina de críticas constantes, mesturando certas con incertas, medias verdades con falsidades e invencións, o silencio para as versións non acorde cos seus obxectivos... Calquera que teña memoria lembrará o papel dese mesmo medio de comunicación durante os últimos meses do goberno PSOE-BNG na Xunta de Galicia, e sen dubida Inés Rey sinte cada mañá na caluga o alento frío que saíndo dende o Polígono do Sabón percorre os corredores do Pazo de María Pita.

Unha das máximas do xornalismo amarelo, segundo teño escoitado aos amigos que dende outros medios practican o outro xornalismo, o de calidade, o que tenta separa o grao da palla, o  que se xoga o tipo, ese xornalismo grazas ao que, por exemplo, coñecemos a corrupción existente neste país, é: “Que a realidade non te malogre un bo titular”. Nalgunhas redaccións, polo que leemos cada día, a realidade é o de menos, chegado o caso, e segundo interese, xa se corrixe cos titulares que conveña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.