Os traballadores de terapias respiratorias reclaman ao Sergas que "exerza o labor de supervisión" á concesionaria

Manifestáronse hoxe para denunciar que a concesionaria modificou de maneira "unilateral" as condicións laborais e "non está a cumprir coas condicións mínimas fixadas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2022 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

Os traballadores do servizo de terapias respiratorias da área sanitaria de Pontevedra O Salnés manifestáronse este luns no marco da segunda xornada de folga --tamén convocada en Vigo e en Santiago-O Barbanza--, para reclamar ao Sergas que "exerza o labor de supervisión e obrigue a empresa concesionaria a cumprir cos pregos" tanto no que ten que ver coas condicións laborais como para garantir a calidade asistencial dos pacientes.

A marcha iniciouse no nº 26 da Avenida de Vigo, onde está situada a empresa Esteve Teijin S.A., adxudicataria deste servizo de Terapias Respiratorias por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) nestas tres áreas sanitarias, e finalizou na entrada principal do Hospital Provincial.

Os sindicatos convocantes, Comisións Obreiras e CIG, xustificaron esta folga na "deterioración das prestacións asistenciais por parte da empresa", que modificou de maneira "unilateral" as condicións laborais. A situación de conflito laboral viuse agravada tras o despedimento de cinco traballadores.

O persoal asegura que a concesionaria "non está a cumprir coas condicións mínimas fixadas" en relación aos desprazamentos, dietas ou á categoría profesional, "o que se traduce nun prexuízo tanto nos salarios como nas condicións de traballo", mentres que "a empresa si que lle está cobrando ao Sergas pola categoría que lle corresponde ao persoal". Segundo o relato dos traballadores, no pasado mes de novembro empezaron os cambios nas condicións de traballo, retirando a parte do persoal o vehículo de empresa que utilizaban para a atención nos domicilios e tendo que pasar a utilizar os seus propios automóbiles sen percibir ningunha compensación.

Con todo, tras as súas reclamacións, "en lugar de repor os dereitos, Esteve Teijin, reaccionou convidando ao persoal que non estivese contento a marchar voluntariamente". Os traballadores apuntan que "o seguinte paso foi a abrir, no mes de xaneiro, varios expedientes sancionadores, acusando o persoal de faltas graves que non xustificou, que concluíron coa aplicación de despedimentos disciplinarios".

PREGOS DO CONTRATO

Ademais de denunciar "incumprimentos laborais", a representación sindical tamén acusa á compañía de incumprir os pregos do contrato. "A empresa deu orde de non entregar material desde o 1 de novembro ao 31 decembro por supostas cuestións económicas, incluso prohibíndolle aos traballadores atender de maneira presencial aos pacientes", afirman.

Estes traballadores destacan que "esta decisión prexudica claramente o seguimento das terapias respiratorias e por tanto, ten unha repercusión directa no estado de saúde dos pacientes".

A estes "despropósitos" engaden que "Esteve Teijin non cumpre coas condicións establecidas nos pregos do contrato en canto ao número de persoal", xa que "debería haber 136 traballadores e hai 77" e igualmente, apuntan que tampouco cumpre coa frota de automóbiles e os centros loxísticos.

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta