Axudas de ata 10.800 euros para os mozos que compren vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes

O delegado do Goberno cre que a medida terá "gran impacto" en Galicia.

Por E.P. | VIGO | 25/02/2022 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou este venres que o Executivo central concederá unha axuda de ata 10.800 euros a aqueles mozos que decidan adquirir unha vivenda para uso habitual en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Así o sinalou Miñones na súa visita a Salceda de Caselas, onde explicou que esta subvención terá unha axuda equivalente naqueles casos nos que se opte polo aluguer. Os beneficiarios serán aquelas persoas que teñan menos de 35 anos.

"Estamos a traballar para que a vivenda sexa de verdade un dereito e se converta no quinto alicerce do Estado de Benestar. Este ano será clave para garantir ese obxectivo", subliñou o delegado do Goberno, quen destacou que esta medida terá un "gran impacto" en Galicia, "onde 257 concellos, o 82% do total, entran dentro desta categoría de poboación". En concreto, o Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025 contempla unha axuda á compra de ata 10.800 euros ou ata o 20% do total do prezo. Prezo que non deberá superar os 120.000 euros.

Tamén recolle unha axuda ao aluguer por cinco anos, que será de forma mensual e cubrirá ata o 60% da renda, cun máximo de 360 euros. Esta axuda será compatible co bono de aluguer novo de forma que se pode cubrir ata o 75% do custo.

"Ademais, prevense bonificacións do 100% do aluguer para aliviar a situación de fogares en situación de vulnerabilidade, incluídas vítimas de violencia de xénero, persoas sen fogar ou familias que sufrisen unha gran perda de ingresos", explicou a Delegación do Goberno nun comunicado.

Miñones indicou que estas axudas teñen vixencia desde o 1 de xaneiro, polo que no momento no que se convoquen as ordes correspondentes, beneficiaranse os contratos asinados xa desde principios de ano.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, comparece ante os medios en Santaigo de Compostela. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, comparece ante os medios en Santaigo de Compostela. DELEGACIÓN DO GOBERNO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta