Médicos critican a relaxación das restricións e alertan dunha sétima onda da Covid

Consideran que é "pronto" para rebaixar as limitacións e avogan por que se alivien "máis tarde e cunha maior seguridade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A Sociedade Española de Médicos de Familia e Médicos Xerais alertou este luns do risco dunha sétima onda de Covid-19 se se alivian todas as restricións para frear os casos. O portavoz da sociedade, o facultativo lucense Lorenzo Armenteros, puntualizou que "á vista da experiencia que tiveron no Reino Unido e en Dinamarca coa relaxación das medidas de seguridade" pódese "correr ese risco (de sétima onda)". "E podémolo correr porque tanto nun como noutro país os casos disparáronse na medida que se puxo a relaxación", indicou.

Armenteros reiterou que é "pronto" para aliviar as limitacións, e avoga por que "esas medidas de relaxación se dean máis tarde e cunha maior seguridade". "Non utilicemos palabras como gripalización ou endemia, senón que falemos de que hai un control da enfermidade; con menos casos, con menos capacidade de infección e que teñamos a mínima posibilidade de que poida mutar o virus ou se reduza a capacidade de contaxios", manifestou.

"MÁIS TARDE"

Este portavoz dos médicos xerais advertiu que "parece que hai unha decisión tomada, da redución de medidas de protección". "E na nosa opinión tiña que ser máis tarde e con máis seguridade no control da enfermidade", matizou. Seguidamente, sobre a administración dunha cuarta dose da vacina, Lorenzo Armenteros sinalou que se tería que "falar de revacinación, máis que falar dunha cuarta dose".

"Se comprobamos que dura máis tempo a inmunidade, haberá que atrasar esa cuarta dose na medida do que sexa posible, pero sempre supón un estímulo inmunitario nos momentos de máis risco", considerou. Se a efectividade no tempo é menor si que ten claro que haberá cuarta dose da vacina.

Sobre a sexta onda, Armenteros sostén que "aínda non está superada, e a curva está a descender dunha forma máis lenta do que inicialmente cabía esperar, pero paralela a como foi o ascenso". "Si que podemos dicir que a sexta onda vaise reducindo, facéndose un pouquiño plana. Podemos dicir que imos un pouquiño mellor", concluíu o portavoz da Sociedade Española de Médicos de Familia e Médicos Xerais.

Varios clientes sentados na terraza dun establecemento
Varios clientes sentados na terraza dun establecemento | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta