Miñones anima a habitantes de 250 concellos a financiar ata o 100% da rehabilitación enerxética da súa vivenda

Podén solicitar as axudas os residentes en concellos de menos de 5.000 habitantes ou que están por baixo de 20.000 sen que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou a habitantes de máis de 250 concellos galegos a financiar ata o 100% da rehabilitación enerxética da súa vivenda co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Executivo central.

Tal como informou Miñones, o Programa PREE 5000 de Rehabilitación enerxética de edificios está impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e destina 3,8 millóns de euros aos residentes dos 251 concellos de Galicia que teñen menos de 5.000 habitantes ou que están por baixo de 20.000 sen que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000.

O delegado do Goberno destacou o "bo ritmo" de solicitudes que se rexistraron nos dous primeiros meses do prazo, que termina o 30 de setembro. Ademais, demandou "axilidade" na xestión por parte da Xunta para que non se perda "nin un só euro" e que o plan chegue á cidadanía galega.

Miñones puxo en valor que entre 2021 e 2022, o impacto das políticas de transformación urbana do Goberno en Galicia ascendeu a 230 millóns de euros. A esa cantidade, investida polo Ministerio de Transportes, súmase esta liña complementaria de Transición Ecolóxica.

"A meta é unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% e mellorar a cualificación enerxética do inmoble. É posible financiar ata o 100% do orzamento da actuación", indicou a Delegación do Goberno nun comunicado, lembrando que as solicitudes deben cursarse a través da Xunta.

José Miñones anima a habitantes de 250 concellos a financiar ata o 100% da rehabilitación enerxética da súa vivenda.. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
José Miñones anima a habitantes de 250 concellos a financiar ata o 100% da rehabilitación enerxética da súa vivenda.. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta