Por Europa Press / Redacción | VIGO | 02/03/2022 | Actualizada ás 18:23
Traballadores do servizo de acompañamento do transporte escolar concentráronse este mércores diante do edificio da Xunta na Coruña para denunciar a "precarización" das súas condicións laborais e os "reiterados incumprimentos" que se levaron a cabo desde que o grupo Monbus se fixo coa maioría do servizo. Por iso, o persoal reclamou á Xunta que "abandone a súa actitude de permisividade absoluta" coa empresa e que lle esixa respectar o establecido no convenio colectivo.
Tal como recolle a Confederación Intersindical Galega (CIG) nun comunicado, as xa malas condicións do sector empeoraron coa chegada de Monbus, que presta actualmente a metade do servizo de transporte escolar de Galicia. "Non se están respectando as xornadas mínimas de dúas horas que marca a normativa, hai traballadores con xornadas dunha hora, e ao persoal subrogado que tiña contrato fixo-descontinuo estánselle facendo contratos eventuais pola duración do curso", criticou o responsable de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.
Neste sentido, asegurou que aínda que a este colectivo ténselle que aplicar o convenio galego do transporte de viaxeiros, Monbus está a aplicarlles o Estatuto dos Traballadores, sen respectar nin as xornadas laborais, nin a antigüidade, nin as condicións que tiñan as anteriores concesionarias.
"Non só perdemos salarios, senón que tamén nos recortan as bases de cotización, o que nos afecta á hora de cobrar o desemprego no verán ou cando accedamos á xubilación", criticou Beatriz, unha traballadora da zona de Ferrolterra que leva 14 anos neste servizo. Por todo iso, desde a CIG acusaron á Xunta de permitir que a empresa realice todas estas prácticas xa que, a pesar das decenas de denuncias que presentou a organización sindical, nin a Consellería de Educación nin a Dirección xeral de Mobilidade "adoptaron ningunha medida".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.