A Coruña tamén acollerá poboación ucraína que está a fuxir do seu país

Red Acampa convoca unha nova concentración contra a guerra este domingo na cidade herculina.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou este xoves que o concello se sumou á acción coordinada que organizan as cidades que forman parte do Eixo Atlántico para acoller poboación refuxiada ucraína que está a fuxir do seu país. A rexedora quixo transmitir a "solidariedade e apoio" do goberno local ao pobo ucraíno, o seu compromiso coa paz e cos valores democráticos e o "respecto profundo" aos dereitos humanos e á legalidade internacional.

Inés Rey afirmou que o concello tamén se sumou á Declaración da Rede europea de cidades do Atlántico para manifestar a súa "máis firme" condena ante a violación do dereito internacional na guerra iniciada por Rusia contra o pobo de Ucraína. O goberno municipal instou á UE e á comunidade internacional a que "proceda" á entrega de axuda financeira e humanitaria para Ucraína e a que se prepare a infraestrutura necesaria para garantir condicións adecuadas de supervivencia para toda aquela poboación que está a fuxir do terror da guerra.

Refuxiados ucraínos da guerra de Ucraína
Refuxiados ucraínos da guerra de Ucraína | Fonte: EFE

CONCENTRACIÓN O DOMINGO

Ademais, Red Acampa convocou organizacións sociais, políticas e defensa dos Dereitos Humanos, e toda a cidadanía en xeral, a participar este domingo na Coruña nunha concentración que, convocada ás 12,00 horas no Obelisco, esixirá o fin da guerra en Ucraína.

A mobilización, baixo o lema 'Paz en Ucraína. Saída negociada xa!', pedirá o cesamento do fogo, a retirada das tropas invasoras e a acollida inmediata de todas as persoas refuxiadas que chegan aos países limítrofes con Ucraína. O comunicador e músico Xurxo Souto será o encargado de ler o manifesto.

Unha vintena de organizacións sociais, políticas e de defensa dos Dereitos Humanos responderon este martes á chamada da Red Acampa para acordar unha acción unitaria de rexeitamento da ocupación militar de Ucraína por parte de Rusia, que se traduciu na manifestación convocada.

RECOLLIDA DE MATERIAL

Doutra banda, a recollida de material e alimentos continúa por toda Galicia. Así, ás recollidas sumáronse o Concello de Redondela, que puxo en marcha unha iniciativa "que contribúa a paliar a dramática situación das persoas refuxiadas vítimas da guerra de Ucraína". Tamén o municipio de Ferrol activou unha campaña de recollida de material de primeira necesidade. A partir deste venres, 4 de marzo, e ata o 18 de marzo, os veciños de Ferrol poderán depositar as súas doazóns en seis puntos de recollida.

INICIATIVA DE ABANCA

Doutra banda, ABANCA e Afundación tamén puxeron en marcha unha campaña solidaria de apoio a Ucraína para "contribuír a paliar a crise humanitaria provocada pola agresión militar que está a sufrir o país". Así, a Obra Social do banco ponse a disposición de "todas as asociacións culturais, colectivos sociais e clubs deportivos galegos que así o desexen para canalizar as iniciativas de axuda ao pobo ucraíno que poidan xurdir". Os interesados poden escribir ao correo electrónico ayudaparaucrania@afundacion.org.

Lembran ademais que ABANCA e Afundación habilitaron unha conta solidaria propia co fin de recadar fondos para atender as necesidades máis urxentes da poboación afectada polo conflito. As persoas que desexen colaborar poderán realizar un donativo sen ningún tipo de comisión na conta É80 2080 7208 3385 3000 7122. Tamén serán gratuítas todas as transferencias que se realicen a Ucraína desde as contas de ABANCA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta