O 8M a través das 'Xornadas para a Convivencia' en Allariz

O concello presentou unha ampla programación ao redor da convivencia e a igualdade que se desenvolverá do 8 ao 31 de marzo baixo o título "Miradas de memorias e presentes".

Por X.M. Fernández | Allariz | 06/03/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

As XVIII Xornadas para a Convivencia arrincan o vindeiro martes 8 de marzo coa colocación da pancarta na Casa do Concello e a lectura do manifesto. Neste acto colaboran a Asociación Silvardeiras e o IES de Allariz.

Bernardo Varela e Beatriz Pérez na presentación das xornadas. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Bernardo Varela e Beatriz Pérez na presentación das xornadas. Foto: Prensa Concello de Allariz.

Nun amplo programa deseñado polo Concello de Allariz haberá obradoiros, faladoiros, actividades para o alumnado, tanto do CEIP Padre Feijóo como do IES de Allariz, exposicións, música, narración oral ('Divas de diván') e un roteiro en distintos días repartidos ata o 31 de marzo.

Segundo explica a técnica de igualdade, Beatriz Pérez, “este ano pensamos na importancia de rescatar a memoria, aprender do pasado para construír presentes amables e unha mellor convivencia entre todo o mundo. Unha oportunidade máis para ir facéndonos conscientes da diversidade presente en todas nós e ver de que xeito as diferentes ideas, corpos, vivencias, sentires... enriquecen as nosas vidas e os nosos vínculos.”

O Tenente de Alcaldía, Bernardo Varela, salientaba na presentación das xornadas a importancia de traballar durante todo o ano en temas de convivencia e igualdade de xénero, traballo que a área de Benestar Social realiza día a día e ten como reforzo estas xornadas. “Miradas de memorias e presentes é unha aposta de presente pero tamén unha aposta de futuro”, resaltaba o edil.  Tamén agradeceu a colaboración dos centros educativos de Allariz e da Asociación Silvardeiras a estás xornadas e nas actividades que se programan.

O programa completo das actividades está accesible na páxina web do Concello de Alariz e para reservar entradas ou inscribirse nos obradoiros pódese enviar un correo a fogardosmaiores@allariz.gal ou chamar ou 988 554 059 ou nas instalacións do Fogar dos Maiores de Allariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta