Por Galicia Confidencial | A Coruña | 07/03/2022 | Actualizada ás 14:00
A Centaurea ultreiae está considerada como “en perigo crítico de extinción” no Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, e catalogada tamén como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril). Esta planta é un endemismo galego cuxa poboación mundial total está composta por 6.821 individuos distribuídos en dúas cuadrículas de 10x10 km arredor do Monte Castelo e a lagos de Alcaián.
Unha especie única no mundo que agora está en perigo pola posta en marcha de tres parques eólicos. Greenalia Power (antes Kakekias Eólica) traballa nestes tres proxectos (Campelo, Bustelo e Monte Toural) nunha mesma área xeográfica arredor do Monte Castelo e a lagoa de Alcaián, nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Uns espazos que abarcan, xustamente, o lugar onde se atopa a Centaurea ultreiae.
Esta especie de margarida tamén chamou a atención do xornal británico The Times que, baixo o título de "Wind farm threat to jewel of Galicia", aborda a afectación dos megaproxectos eólicos a esta especie única no mundo.
Tras a denuncia de ecoloxistas, Greenalia modificiou en parte o parque de Monte Castelo. Tamén o do Bustelo, que pasou de once muíños a dez, e outros cambiaron de lugar, ademais de cimentacións, viarias e outros elementos. O outro parque eólico próximo, o de Monte Toural tamén debeu modificarse pola existencia desta flor. Con todo, e a pesar dos mínimos cambios realizados, a Centaurea ultreiae segue estando en perigo.
Para evitar as críticas, Greenalia xa anunciou en febreiro do ano pasado que traballaba conxuntamente co Centro de Investigación Forestal de Lourizán (depende da Axencia Galega de Calidade Alimentaria) e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería e Campus Terra de Lugo (da Universidade de Santiago) nunha "estratexia completa" para a protección desta especie autóctona, sobre todo de Coristanco. Pero, polo momento, pouco se sabe da eficacia dese plan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.