"A gran pandemia do xornalismo é a desigualdade"

"Esta é unha boa ocasión para seguir lembrando ás empresas que temos unha materia pendente coa igualdade e os dereitos das mulleres, esa metade da poboación que sufriu unha involución polo feito de ser iso, mulleres", lembra o Colexio de Xornalistas nun manifesto polo Día Internacional da Muller.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

Con motivo da celebración do 8M, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de publicar un manifesto da autoría da xornalista Isabel Bravo: 

Micrófono, xornalismo
Micrófono, xornalismo | Fonte: arquivo

As mulleres conmemoramos un ano máis o 8 de marzo. Este 2022 farémolo poucos días despois de que se cumpran dous anos do inicio da pandemia e a poucos daquel confinamento que nunca pensamos vivir. Unha pandemia que precarizou profesións que xa estaban de por si precarizadas. No marco da falta de perspectiva de xénero, de igualdade de oportunidades –e non só de tipo salarial–, a profesión xornalística padece situacións que todas identificamos. Algunhas vivímolas  directamente, outras coñecémolas a través da experiencia das nosas compañeiras. Non hai ningunha estatística oficial que poña cifras á precariedade no noso oficio, e moito menos á das mulleres que o exercen en Galicia.

A falta de coñecer as “secuelas” da Covid19 no ámbito laboral durante o pasado exercicio, sabemos que o primeiro ano da pandemia deixou unhas 10.000 mulleres fóra do mercado de traballo e supuxo a volta de moitas ao fogar ao coidado das súas crianzas pequenas ou dos seus maiores. Entre esas 10.000 mulleres hai moitas xornalistas. Máis das que pensamos. A carga dos coidados segue recaendo fundamentalmente nelas e no mundo da comunicación isto tamén é unha realidade constatable. Xa ocorría antes, pero coa irrupción da crise sanitaria e económica este tipo de situacións veñen de incrementarse.

Mulleres xornalistas con postos de traballo consolidados deixaron a profesión ou están pensando en facelo. Outras moitas víronse obrigadas polas súas empresas a recortar as súas xornadas laborais ou a ir a un Expediente de Regulación Temporal de Emprego que logo acabou en despedimento. En 2020 destruíronse en Galicia máis de 15.000 postos de traballo, o 62% ocupados por mulleres. Un 57% resultaron afectadas por ERTEs.

A opción do teletraballo, aplaudida en moitas empresas, amosou tamén un rostro incompatible coa conciliación. Escena real: muller xornalista nova, con dous fillos pequenos no salón da súa casa, tratando de rematar unha información mentres un chora desconsoladamente reclamando a súa atención e o outro sobe ao seu ombreiro berrando. Diante da pantalla do ordenador non puido evitar as bágoas de impotencia. Son situacións que non teñen o referendo do dato, pero sabemos que non son excepcións.

A gran pandemia do xornalismo é a desigualdade. Este 8M podería ser unha oportunidade para reclamar, dende as entidades profesionais, as institucións e organismos oficiais, un estudo que nos permita cuantificar a desigualdade de xénero nesta profesión. O 3 de marzo de hai dous anos, neste mesmo manifesto do 8M, dende o CPXG pediamos que 2020 fose o ano da paridade. Nin foi o ano da paridade nin de avances en dereitos para as mulleres. O ano da Covid supuxo un paso atrás para nós en todos os sectores profesionais.

Hoxe, dous anos despois, seguimos reclamando a igualdade efectiva entre mulleres e homes en todos os medios de comunicación e gabinetes, en todos os niveis de xerarquía. A medida que escalamos na cadea de mando, a porcentaxe de mulleres con responsabilidade redúcese ata acabar desaparecendo. Aquí si que hai datos: só dúas mulleres ostentan a dirección de dous dos principais xornais de Galicia. Só dúas. Un 8M máis temos que seguir esixindo que se rompan os teitos de cristal.

4 anos despois da explosión daquela cuarta onda do movemento feminista –aquela que nos emocionou e implicou a mulleres de todas as xeracións–conmemoramos un 8M no que esa pulsión decaeu. Esta é unha boa ocasión para seguir lembrando ás empresas que temos unha materia pendente coa igualdade e os dereitos das mulleres, esa metade da poboación que sufriu unha involución polo feito de ser iso, mulleres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta