Fernández Toxo: "o ditador morreu na cama, a ditadura morreu nas rúas"

O exsecretario xeral de CC.OO., o ferrolán Ignacio Fernández Toxo, declarou que " o Ferrol do 72 ten uns antecedentes próximos, como son Megasa e a Peninsular Madeireira".

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 10/03/2022 | Actualizada ás 21:01

Comparte esta noticia

O exsecretario xeral de CC. OO., o ferrolán Ignacio Fernández Toxo, asegurou que "o ditador morreu na cama, pero a ditadura morreu nas rúas".

Toxo non se presentará á reelección á fronte de CC.OO.
Toxo non se presentará á reelección á fronte de CC.OO.

Así se expresou durante un acto desenvolvido desde as 17,30 horas no Teatro Jofre de Ferrol, organizado polo Concello, dentro dos actos para conmemorar o 50 aniversario do 10 de marzo de 1972, día no que dous operarios do sector naval desta cidade morreron abatidos pola policía cando participaban nunha manifestación.

"A democracia española non é unha democracia outorgada, foi unha conquista do movemento obreiro a base de moitas folgas, de moito cárcere; e o Ferrol do 72 ten uns antecedentes próximos, como son Megasa e a Peninsular Madeireira, e toda unha cadea de mobilizacións que xeraron un clima coa folga en Bazán, de non querer tragar un convenio asinado polo sindicato vertical", lembra.

O sindicalista detallou que "aquela resposta da ditadura é a típica dun réxime asasino que iniciou matando e terminou asasinando, pero que, afortunadamente, desapareceu tras a mobilización obreira e cidadá deste país".

Pola súa banda, o fundador de CC. OO., Nicolás  Sartorius, tamén presente neste acto, incidiu en como foi a creación deste sindicato. "Por aquel entón, non había sindicatos de clase, tras ser varridos pola Guerra Civil" e a súa aparición tamén foi grazas "á crise do sistema económico fascista", mentres os americanos impuxeron a liberación da economía española e a aparición dunha lei de convenios colectivos".

"O medo que tiñamos e o perigo que tiña España, é que, á morte do ditador, se consolidase unha ditadura sen Franco, que puidese haber unha  dictablanda, que se dicía", sostén  Sartorius. "Tiñamos claro que iso había que impedilo, porque era un perigo tremendo e a maneira para acabar con esa posibilidade era a mobilización", incidiu.

"Comisións Obreiras lanzou unha intensa campaña de mobilización, o mesmo que fixo UGT, USO e os sindicatos que nos moviamos por entón", agrega. Por último, tamén ratificou as palabras de Fernández Toxo para deixar  claroa que a "ditadura morreu nos obradoiros, nas fábricas, nas empresas, na rúa, mentres que o ditador morreu na cama".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta