Netflix incluirá este ano no seu catálogo 70 títulos en galego, catalán e eúscaro

A Mesa celebra o acordo coa plataforma: "o conxunto da sociedade está de parabéns".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2022 | Actualizada ás 10:05

Comparte esta noticia

Netflix impulsará a presenza do catalán, o galego e o eúscaro no seu catálogo en 2022, coa subtitulación dunha selección de series e películas internacionais, e a dobraxe de varios títulos infantís e familiares. Segundo adiantaron a Europa Press fontes da plataforma de contido audiovisual a demanda, os títulos publicaranse de forma paulatina a medida que estean dispoñibles no servizo, de maneira que a selección deste ano estará no catálogo de forma completa a finais de 2022.

Así, nos próximos meses e ata finais de ano, irase incorporando á plataforma unha selección que inclúe preto de 70 títulos en galego, catalán e eúscaro. Netflix incluirá títulos novos cada ano. As citadas fontes da compañía estadounidense detallaron que a obra audiovisual que se engadirá ao longo de 2022 representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas, e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas nas tres linguas (un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en cada idioma).

Desta forma, os subscritores de Netflix en 190 países poderán acceder a series e películas en catalán, galego e eúscaro como 'Emily en París' ou próximas estreas, como 'The Mother', 'Garra', 'Sandman' e 'Pinocho', de Guillermo del Toro.

"Seguimos esforzándonos por levar as mellores historias a todo o mundo. Este é un paso máis que estamos a dar para fomentar a presenza do catalán, o galego e o eúscaro no noso servizo. Aumentaremos o número de series e películas internacionais subtituladas a estas linguas, ademais da dobraxe de varios títulos infantís e familiares, para que os nosos subscritores poidan gozalos en 190 países. Esta selección estará dispoñible ao longo de 2022 e seguirá crecendo durante os próximos anos", explicou un portavoz de Netflix.

Arquivo - Fotograma de 'Emily in Paris'. NETFLIX - Arquivo
Arquivo - Fotograma de 'Emily in Paris'. NETFLIX - Arquivo | Fonte: Europa Press

INICIATIVA XABARÍN

Na mesma xornada, A Mesa pola Normalización Lingüística vén de valorar positivamente o acordo anunciado entre Netflix e a Xunta para a dobraxe e lexendaxe de máis de 60 filmes ao ano, destacando a especial presenza de contidos infantís, un dos puntos recollidos pola Iniciativa Xabarín impulsada pola entidade, que, lembran, "contou co apoio de 33.000 sinaturas e que concitou a unanimidade parlamentar"

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou esta mañá que o Parlamento galego foi "o único do Estado en se facer eco da ampla demanda cidadá ante a exclusión do galego dos produtos audiovisuais", nomeadamente das grandes plataformas, que reuniu ducias de colectivos sociais, centos de estabelecementos comerciais e, finalmente, máis de 33000 sinaturas que permitiron o acordo unánime do Parlamento galego. “O conxunto da sociedade está de parabéns por ter sido o motor dun acordo útil para o galego e útil para todas as linguas do Estado”, engadiu, "o que demostra que a unidade pola lingua é o mellor axente nornalizador".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta