A Xunta, "optimista" con que Altri se instale en Lugo

Anticipa o impulso de dúas sendas metropolitanas, tres aparcadoiros e a mellora de 96 paradas de autobús en Lugo e a súa área, por 9 millóns.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 17/03/2022 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O Goberno galego celebrou a súa reunión semanal en Lugo, onde avanzaron varias medidas para os lucenses e onde o presidente, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse "optimista" con respecto ás posibilidades de que a planta de Altri de produción de fibras téxtiles a partir da madeira se instale na provincia, aínda que remarcou que a decisión "non é do Goberno, é privada".

Feijóo preside o Consello da Xunta
Feijóo preside o Consello da Xunta | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

"O equipo promotor dinos que están a pechar a localización e que, cando a teñan, a notificaránnola. Nós seguimos mantendo o optimismo de que estea en Lugo, aínda que é un investimento 100% privado", destacou, nunha rolda de prensa na que constatou que o Executivo autonómico ve "sensibilidade" por parte da empresa.

Tras a parada de cubas de Alcoa, o presidente galego incidiu en que, desde a perspectiva industrial, Lugo está "moi ao límite", e incidiu en que a localización na provincia é favorable ás necesidades que tería a fábrica.

"Hai recurso, madeira, e está ben situado", dixo, para engadir que o mesmo pasaría na Coruña, pero esta provincia "probablemente se vexa beneficiada por outros investimentos de carácter enerxético".

MEDIDAS PARA A CIDADE

Por outra banda, Feijóo avanzou o impulso de dúas sendas metropolitanas, tres aparcadoiros e a mellora de 96 paradas de autobús na cidade de Lugo e a súa área, cun investimento de preto de 9 millóns de euros.

Cunha achega total de 4,7 millóns de euros, Feijóo explicou que a primeira senda conectará a intermodal co Lucus Augusti e terá 3,4 quilómetros de lonxitude; e a segunda conectará o Parque de Rosalía, a Ponte Vella e a Estrada de Santiago.

Por outra banda, os tres aparcadoiros disuasorios contarán cun investimento de 1,1 millóns: un deles terá 150 prazas nas proximidades da ligazón da N-V coa N-540; e os outros dous aparcadoiros estarán nos accesos á vía de altas prestacións Nadela-Sarria-Monforte --uno con 30 prazas na contorna de Nadela e outro con 30 nas proximidades de Monforte--.

Sobre as paradas de autobús, o presidente galego destacou actuacións por un importe de 2,8 millóns de euros nun total de 96, situadas en estradas autonómicas con acceso á cidade de Lugo.

MEDICINA NUCLEAR

Tamén avanzou un investimento de máis de 3 millóns de euros para a reforma do Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Público Lucus Augusti e constatou os avances da mellora do Centro de Saúde da Milagrosa, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

Feijóo precisou que o servizo de medicina nuclear trasladarase á planta cero do hospital e dotarase de novos equipos.

Sobre a reforma do Centro de Saúde da Milagrosa, precisou que se levará a cabo unha renovación da estrutura física, así como a reorganización da asistencia.

Así mesmo, destacou que, no marco do Plan de Infraestruturas, na provincia construiranse seis novos centros de saúde en Antas de Ulla, Pantón, Ribadeo, Becerreá, Guntín e Sacro Corazón (na cidade); e reformaranse media ducia --os de Foz, Meira, Outeiro de Rei, Ribas de Sil e, na cidade, os de Praza de Ferrol e o mencionado da Milagrosa--.

CHAN URBANIZADO

En materia económica, Feijóo subliñou que na provincia de Lugo, a Administración autonómica conta con preto de 270.000 metros cadrados de chan urbanizado, distribuídos en 11 polígonos industriais e con bonificacións na compravenda do 50%.

Deste xeito, a empresa pública Xestur ofrece 52 parcelas --máis de 113.000 m2-- en tres parques empresariais (As Gándaras, Cervo e Viveiro), no concurso de adxudicación deste 2022. E sacaranse a concurso ao longo deste ano outros 13.000 m2, en 15 parcelas do parque de Muimenta.

Así mesmo, a urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras adxudicarase este mes e permitirá habilitar 25 novas parcelas. Os proxectos das segundas fases da Pontenova e Meira licitaranse no próximo mes de abril. "E traballamos no desenvolvemento de chan no Corgo, Palas de Rei e Castro de Rei", engadiu.

En relación ás infraestruturas tecnolóxicas, lembrou que, desde a Xunta, están a executarse diferentes medidas para mellorar a cobertura e a conectividade, entre as que destacou a liña de axudas para facilitar a conexión a internet ultrarrápida de empresas e autónomos de zonas illadas do rural, cunha nova convocatoria sairá publicada a próxima semana no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ademais do Plan de mellora de cobertura móbil en zonas illadas, do que se beneficiarán 150 núcleos da provincia de Lugo.

TURISMO

Finalmente, en materia de turismo, o presidente da Xunta puxo en valor que a provincia recibiu tamén un investimento aproximado de 19 millóns de euros para impulsar a recuperación e reactivación do sector turístico en Lugo.

En total, inclúense 12 liñas de axudas, 10 convenios con distintas entidades, máis de 11 millóns de euros en axudas á hostalaría no marco dos plans de rescate da Xunta e os proxectos financiados ao amparo de 'O Teu Xacobeo'.

Así mesmo, precisou que, ao longo deste ano, os Plans de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra e da Mariña canalizarán investimentos por 1,5 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta