Enerxía mareomotriz e undimotriz, outras alternativas ademais da eólica mariña

Distintos estudos achegan máis propostas para a instalación en Galicia de tecnoloxías para explotar enerxía mariña diferentes da instalación de muíños de vento no mar.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/03/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Galicia mira cara ao mar na procura dun futuro sustentable baseado en enerxías limpas. Investigadores de diversos eidos veñen estudando durante os últimos anos o potencial e as posibilidades que ofrecen as augas galegas e a industria do país para a instalación de toda unha variedade de infraestruturas no mar que aproveiten a enerxía do vento ou a enerxía mariña. Os parques eólicos offshore levan vantaxe, mais existen propostas alternativas a estes que tamén están cobrando forza, como o aproveitamento da enerxía das correntes das mareas (enerxía mareomotriz) ou da enerxía das ondas mariñas (undimotriz).

Simulación dunha granxa de ondas.
Simulación dunha granxa de ondas.

No eido da enerxía mareomotriz, investigadores adscritos ás universidades de Santiago de Compostela (USC), Porto (Portugal) e College Cork (Irlanda) veñen de presentar unha proposta metodolóxica para a instalación dunha granxa de enerxía de correntes mariñas.

Partindo da premisa de que “unha das enerxías mariñas con maior capacidade de desenvolvemento é a enerxía das mareas”, os investigadores elixiron a ría de Ribadeo como caso de estudo, para a cal aplicaron unha metodoloxía baseada na Ordenación do Espazo Marítimo que marca a Unión Europea na súa Directiva 2014/89/UE, cuxos principais obxectivos son garantir unha convivencia harmónica entre as diferentes actividades marítimas e protexer o medio mariño.

Investigadores idenficaron dúas áreas na ría de Ribadeo óptimas para a instalación de granxas de correntes mariñas

O obxectivo do estudo, explican os investigadores, foi “presentar unha metodoloxía que utilice ferramentas de Planificación do Espazo Mariño para localizar granxas de enerxía mareomotriz en rexións de profundidade limitada; para este fin, utilizouse como caso de estudo a ría de Ribadeo, cun importante recurso de enerxía mareomotriz”.

En termos xerais, a aplicación desas ferramentas para a localización de granxas de mareas, din, “parece funcionar ben” para o caso da ría de Ribadeo, xa que permite “identificar as localizacións adecuadas para o funcionamento das granxas de mareas, evitando posibles conflitos con outras actividades marítimas (pesca, acuicultura, navegación e recreativas) e preservando os recursos biolóxicos e patrimonios arqueolóxicos” desta área.

Concretamente, identificaron dúas áreas na parte media da ría apropiadas para a construción de granxas de correntes mariñas, “cuxa explotación podería supor unha fantástica oportunidade para o desenvolvemento dun novo sector industrial na comarca”, apuntan.

O certo é que os novos dispositivos convertedores de enerxía de correntes de marea son, como apuntan os autores do estudo, capaces de operar en lugares con profundidades reducidas, polo que se abre a posibilidade de aproveitar a enerxía de correntes de marea nas rías galegas, sempre e cando non entren en conflito con outras actividades, como a pesca, a navegación de buques, o uso recreativo ou a protección de áreas de especial protección arqueolóxica ou medioambiental.

Aínda que en Galicia non se desenvolveu ningún proxecto para aproveitar as correntes mariñas para producir enerxía, estase a situar na vangarda mundial no desenvolvemento desta tecnoloxía. Un claro exemplo disto é a empresa galega Magallanes Renovables, encargada do desenvolvemento dun parque en Gales (Reino Unido).

Alí, instalará 20 plataformas que estarán operativas a partir de 2023, ás que seguirán a instalación doutro parque de enerxía mareomotriz aínda máis grande nas illas Orcadas (Escocia) previsto para 2025.

UNDIMOTRIZ

Paralelamente, investigadores das universidades de Vigo, Salerno (Italia) e Uppsala (Suecia) veñen de presentar outro estudo, neste caso aplicado á enerxía undimotiz, xerada polas ondas do mar, que se erixiu nos últimos anos noutra das alternativas que se barallan para Galicia.

A UVigo participou no desenvolvemento dun novo método para garantir a supervivencia dos convertedores de enerxía undimotriz en condicións de ondas violentas

Neste caso, os investigadores desenvolveron un método numérico para estudar a dinámica e a supervivencia dos convertedores de enerxía undimotriz en condicións de ondas violentas, xa que, como explican, “probablemente o maior desafío” para explotar a enerxía das ondas “sexa garantir a supervivencia en duras condicións offshore” desas instalacións, “co fin de reducir os custos das operacións de reparación e tempo de inactividade, e acadar a viabilidade económica”.

“O método numérico proposto demostrou ser apto para a simulación de convertedores reais de enerxía de ondas en condicións extremas”, conclúen.

Este é un paso máis no amplo abano de enfoques metodolóxicos que se veñen aplicando para o desenvolvemento da enerxía undimotriz. Antes, por exemplo, científicos do grupo de investigación Medio Marino, Costero y Portuario y otras Áreas Sensibles, da Universidad Politécnica de Madrid, identificaron Galicia como o mellor lugar en España para xerar enerxía undimotriz.

Tras dez anos de medicións feitas na Rede de Boias de Aguas Profundas de Portos do Estado, repartidas en 15 puntos do litoral español, observaron que, por potencial de enerxía, as tres primeiras sitúanse en Galicia: Cabo Vilán-Sisargas, Cabo Silleiro e Estaca de Bares, onde o potencial supera os 50 quilowats por metro de fronte de onda. Valores que contrastan cos rexistrados en puntos do Mediterráneo, como en Valencia, onde apenas se superan os 5 kW/m.

“Existe unha gran variación nos valores de potencial de enerxía das ondas na costa española, desde 56,84  kW/m no norte a 5,42 kW/m no leste, cunha diferenza dez veces superior”, salientan os autores do estudo.

Por áreas, o potencial enerxético das ondas mostra os seguintes valores: entre 56,84 e 39,09 kW/m na costa norte, ao redor de 12,70 kW/m na costa suroeste, entre 13,95 e 5,42 kW/m na mediterránea, entre 23,71 e 6,93 kW/m nas Illas Canarias, e entre 16,21 e 10,16 kW/m nas Baleares.

Cabo Vilán-Sisargas é o punto da Rede de Aboias Exteriores de Portos do Estado co maior potencial para a explotación de enerxía de ondas mariñas

Cabo Vilán-Sisargas é o punto da Rede de Aboias Exteriores de Portos do Estado que presenta o maior potencial enerxético, con 56,84 kW/m, seguido por Cabo Silleiro, con 53,50 kW/m, e Estaca de Bares, con 53,36.

Os valores acadados en Galicia non teñen parangón en España. Os seguintes puntos con maior potencial undimotriz atópanse tamén no norte, pero lonxe dos rexistros galegos: Cabo de Peñas, en Asturias (39,66  kW/m) e Bilbao-Biscaia (39,09 kW/m). Un chanzo máis abaixo sitúase Gran Canaria (23,71 kW/m).

Os valores decaen notablemente no resto de puntos medidos, sendo as augas mediterráneas as que menor potencia enerxética teñen: Mahón, nas Illas Baleares (16,21 kW/m); Cabo de Begur, en Xirona (13,95 kW/m); Golfo de Cádiz (12,70 kW/m); Dragonera, nas Baleares (10,16 kW/m); Cabo de Gata, en Almería (8,43 kW/m); Cabo de Palos, en Murcia (8,17 kW/m); Tenerife Sur (6,93 kW/m); Tarragona (6,14 kW/m) e Valencia (5,42 kW/m).

Por outro lado, investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Plymouth (Inglaterra) propuxeron crear en Burela a primeira granxa de ondas en Galicia para explotar a enerxía undimotriz.

A primeira granxa comercial de ondas do mar no mundo inaugurouse en Portugal en 2008, preto de Porto, mentres que en 2011 se abriu en Mutriku, no País Vasco, considerada a máis produtiva do mundo. Pero quedaría pequena fronte a unha granxa de ondas en Burela, onde os científicos calcularon que se podería chegar a acadar un rendemento enerxético anual de 2.656,05 megawatts por hora (2,6 GWh), cifra que supera amplamente a potencia que xera a planta undimotriz de Mutriku.

Galicia está considerada unha das mellores rexións do mundo para xerar enerxía eléctrica a partir do movemento das ondas do mar

Outro estudo realizado na Universidade de Santiago concluíu que o uso e o aproveitamento conxunto de dúas enerxías renovables como son a eólica e a undimotriz reduce á metade os custes de produción. 

Sharay Astariz, enxeñeira formada no Campus Terra da Universidade de Santiago, defendeu na súa tese de doutoramento –‘Combined wave and wind energy: synergies and implementation’– que o custe de produción de enerxía podería reducirse á metade a través do emprego de parques combinados, respecto do custe rexistrado independentemente en parques eólicos e de ondas.

Como xa destacaron os responsables do proxecto europeo ‘LifeDemoWave’, Galicia é unha das rexións con maior potencial do mundo para xerar enerxía eléctrica a partir do movemento das ondas do mar, e conta coa capacidade tecnolóxica e o coñecemento necesarios para que se cheguen a implantar nos próximos anos instalacións que acaben por ter un importante papel como fonte de xeración eléctrica.

TENDENCIA MUNDIAL

Segundo datos da Axencia Internacional da Enerxía, entre 2009 e 2019, a produción mundial de enerxía oceánica multiplicouse por dez, pasando de menos de 5 GWh en 2009 a case 50 GWh en 2019. En canto a potencia instalada, en ondas pasou de 1,8 a 20 MW; e en mareas, de 0,28 a 35 MW, segundo os dato recollidos por este organismo.

De momento, as augas galegas seguen libres de calquera tipo de instalación de parques enerxéticos, pero a maquinaria académica, industrial e política xa traballan para a súa instalación. Que Galicia se bote ao mar a producir enerxía semella inevitable.

Investigadores galegos e portugueses destacan as vantaxes que tería a combinación de enerxía eólica e solar 

A Unión Europea xa está apostando, por exemplo, pola instalación de parques híbridos offshore co proxecto European SCalable Offshore Renewable Energy Sources (EU-SCORES), que ten como finalidade achandar o camiño á existencia de parques mixtos rendibles (solares, eólicos e undimotrices) en toda Europa para 2025.

Financiado con 45 millóns de euros, e baixo a dirección do Centro Holandés de Enerxía Mariña (DMEC), este proxecto lévase adiante para abaratar o custo total por MWh en alta mar, combinando vento, sol e ondas.

Precisamente, investigadores galegos e portugueses presentaron recentemente os resultados dun estudo no que destacan as vantaxes que tería a combinación de enerxía eólica e solar en augas atlánticas da península ibérica.

Para estes investigadores, os resultados do seu estudo evidencian “importantes vantaxes na combinación destas dúas fontes renovables”, xa que a enerxía solar fotovoltaica, din, “amosa unha interesante capacidade para resolver un dos principais inconvenientes da enerxía eólica: a súa falta de estabilidade para abastecer a rede enerxética durante todo o ano debido á súa alta intervariabilidade anual (estacional)”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta