A Xunta calcula que chegaron a Galicia 800 persoas refuxiadas de Ucraína

A administración autonómica activa a Risga e accións en sanidade e educación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2022 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou que a Delegación do Goberno comunicou a chegada de 150 refuxiados a Galicia de forma oficial, pero os cálculos elevan a 800 as persoas que fuxiron da guerra en Galicia. Así, e tras pedir ao Executivo central unha acción "coordinada", avanzou accións no ámbito sanitario e educación, así como a activación da Risga.

Na súa comparecencia no Parlamento, Feijóo advertiu das cifras de persoas desprazadas que xa se calculan en 3,3 millóns e que se segue avanzando a guerra aumentará máis este "éxodo masivo", que é "dolorosisimo". "Galicia foi sempre unha comunidade solidaria e acolledora", proclamou o mandatario autonómico, quen garantiu que con Ucraína "non será diferente".

"Necesitamos coordinación, organización, que o Goberno central tome dunha vez as rendas desta situación", aseverou Feijóo, quen se preguntou se vai existir un plan estatal de recepción e acollida ás persoas desprazadas e cando se concretarán os fondos extraordinarios que as comunidades, concellos e entidades sociais precisan para exercer as súas funcións.

Feijóo reclamou tamén coñecer cantas persoas refuxiadas chegan cada día a Galicia, "como se chaman e que idades teñen". "A administración encargada da seguridade interior, das migracións e do control de fronteiras, que é o Goberno central, debe achegar respostas", esixiu o presidente da Xunta, quen dixo que sen coñecer datos concretos e "fiables", non se poden prestar a acollida en "condicións óptimas".

"Espero sinceramente que non finalice esta semana sen que contemos coas canles de información fluída e en tempo real que levamos reclamando desde o inicio desta crise", aseverou. Feijóo lembrou "avances" como o comité de emerxencia que convocou a Xunta --coa participación da Delegación do Goberno, Fegamp e entidades sociais que actúan no ámbito da protección internacional--. "A Xunta está preparada para actuar no ámbito das nosas competencias, que son os servizos públicos: sanidade, educación, políticas sociais, políticas de emprego", remarcou.

ACTUACIÓNS

Feijóo indicou que as xerencias de sete áreas contan con "indicacións claras" para a prestación sanitaria a todos os refuxiados --xa se ofreceron de 400 camas ao Goberno--; mentres que no ámbito educativo se emitiu unha instrución para a escolarización inmediata dos menores de idade.

No ámbito social, comunicouse a disposición de 1.400 prazas e no ámbito laboral, as persoas refuxiadas dispoñen de acceso ás oficinas de emprego. De forma inmediata, disporase de atención psicolóxica aos ucraínos que estean afectados por tensión postraumática, con especial atención a menores de idade; e activaranse programas de orientación e adaptación curricular que axuden o alumnado a integrarse canto antes na educación galega.

AO GOBERNO

En canto ás medidas que a Xunta estima que debe adoptar o Goberno central, están a concreción da protección específica para menores non acompañados, permitir o acceso ao ingreso mínimo vital (se cumpre este punto ou non, a Xunta ten habilitada a Risga).

O Executivo autonómico tamén pide criterios "claros" para a homologación dos títulos de ensino medio e superior que poden ter as mulleres ucraínas que chegan a Galicia. "Sería inxusto que non puidesen continuar a súa carreira profesional ou os seus estudos porque o Goberno non establece as equivalencias da súa formación anterior", remarcou.

Do mesmo xeito, Feijóo pide que se apoie aos concellos galegos no labor de inventario do material recollido e almacenado nas diferentes instalacións.

SOLIDARIEDADE

"Sempre dixemos que a resposta a unha situación como esta non pode basearse exclusivamente nas boas intencións da xente, pero á xente que quere axudar non se lle pode dicir 'non axudes', senón que lles hai que explicar cal é a mellor forma e a máis eficaz para axudar", salientou.

A Xunta tamén enviou á Delegación do Goberno un documento con preguntas e respostas frecuentes sobre a acollida de refuxiados, para distribuír a toda a cidadanía galega. "Claridade, transparencia, financiamento, información, coordinación; son os alicerces que entendemos que debe seguir a acollida de persoas refuxiadas", sentenciou.

Persoas refuxiadas no paso fronteirizo de Siret entre Ucraína e Romanía
Persoas refuxiadas no paso fronteirizo de Siret entre Ucraína e Romanía | Fonte: WORLD VISION.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta