A Mesa acusa ao Goberno de negar o dereito á atención en galego coa lei mordaza

A Delegación do Goberno viría de dar por bo un informe policial no que se nega o deber dos cargos públicos de falar en galego a pesar da existencia de lexislación que di o contrario.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Nova denuncia da Mesa pola Normalización Lingüística. Desta vez, a plataforma vén de sinalar á delegación do Goberno en Galicia por "aplicar a lei mordaza para sancionar un cidadán que reclamou ser atendido en galego". Segundo explican dende a plataforma, a vítima "non só recibiu unha negativa rotunda a ser atendido na nosa lingua, senón que mesmo se lle chegou a negar a realización unha proba diagnóstica da Covid19 por este motivo".

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a ministra de Sanidade, Carolina Darias, conversan durante a visita da ministra ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, a 16 de marzo de 2022, en Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a ministra de Sanidade, Carolina Darias, conversan durante a visita da ministra ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, a 16 de marzo de 2022, en Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press

O suceso aconteceu en Rianxo en abril de 2021 e vén de ser calificado pola Mesa como un "ataque aos dereitos democráticos". Segundo inciden as mesmas fontes a circunstancia escalou en tensión coa intervención da Policía Local. "Lonxe de recoñer o lexítimo dereito deste cidadán a ser atendido en galego, recolleu no informe policial que o instaron a mudar de lingua e empregar o castelán, xa que 'o persoal sanitario non tiña a obrigación de falarlle galego'", inciden.

O problema estaría agora en que, un ano máis tarde, a Delegación do Goberno recoñece como válida a declaración policial e descarta a validez das testemuñas presentes, por manteren unha “relación de veciñanza” coa vítima da vulneración dos dereitos lingüísticos. "Para a Mesa pola Normalización Lingüística", segundo indica o seu presidente, Marcos Maceira, "é especialmente grave que o Goberno español dea absoluta validez a un expediente policial onde se afirma sen rubor que o dereito á atención en galego non existe e que se dea por válida unha actuación baseada na negación dese dereito que resulta na sanción á vítima da actuación policial".

Maceira anuncia que a entidade de defensa da lingua instará o ministro do Interior a "abandonar toda hostilidade contra o galego, comezando por informar e desenvolver unha campaña de prevención e formación nos dereitos lingüísticos entre as forzas e corpos de seguridade".

"En calquera sociedade democrática", recorda Maceira, "os corpos policiais están sometidos ao cumprimento da lei e á garantía dos dereitos cidadáns". "Porén", explica, "neste caso, a delegación do goberno pasa por alto os mesmos feitos que considera probados e que confirman que con este cidadán se incumpriron os artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; o art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; o artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Na realidade que non quere ver o goberno español estamos perante un caso moi grave de discriminación por motivo de lingua en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública".

OFRÉCENSE A PAGAR A MULTA

A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia tamén que se fará cargo da defensa deste cidadán e dos posibles gastos que dela se deriven, incluída a multa, no caso de non prosperaren os recursos na fase administrativa, e as acción xudiciais pertinentes. Ademais, a entidade de defensa da lingua porá o caso en coñecemento do Consello de Europa e do Consello de dereitos humanos da ONU, na medida em que afecta ao cumprimento da Carta Europea das línguas e aos dereitos civís.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

A vía é a penal, contra o delegado, por prevaricación.

1 Os da mesa.

Necesitamos cash