Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2025 | Actualizada ás 16:44
A Xunta e Supermercados Gadis presentaron este venres 'Foliada!', un proxecto artístico que combina literatura, música e ilustración nunha caixa deseñada a modo de vinilo musical en homenaxe ás cantareiras.
Segundo trasladou a cadea de distribución alimentaria xunto ao Goberno galego, a iniciativa reúne a cinco escritoras e cinco ilustradoras galegas que plasmaron en cinco láminas a súa visión da cultura popular. En concreto as autoras da parte escrita son Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Solar, María Lado e Esther F. Carrodeguas, mentres que a parte artística realizárona Laura Tova, Laura Mahía, Xoana Almar, María Montes e Iria Fafián.
Gadis regalará 30.000 unidades de 'Foliada!', ata fin de existencias, en distintos supermercados de Galicia o vindeiro venres 16 de maio. Tamén se repartirán 40.000 bolsas da compra de papel reciclado cunha chiscadela ás figuras de pandereteiras homenaxeadas este ano.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou durante a presentación do proxecto este venres no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a "orixinalidade e calidade" da iniciativa, que demostra a "implicación e compromiso" dos sectores económicos na difusión da cultura e a lingua galega. Así mesmo, salientou que estas accións permiten "unir e establecer pontes entre as creadoras do pasado coas actuais" e que non só serven para "recoñecer a contribución á cultura e á lingua das cantigas populares e das cantareiras", senón que á vez son "tremendamente efectivas para que teñan continuidade nas novas xeracións.
A actividade forma parte da programación impulsada desde o Goberno galego en colaboración coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Televisión de Galicia (CRTV) e outras entidades públicas e privadas. Así mesmo, a colaboración faise coa empresa Xurdir e a Federación Galega de Atletismo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.