Tomar o pazo e non saber retelo

Nos últimos meses teñen chegado ás librarías unhas cantas obras nos que actores importantes dos primeiros anos de Podemos e das candidaturas municipalistas, que en 2015 chegaron a gobernar cidades importantes, reflexionan sobre a súa experiencia, ben na construción da organización que parecía chamada a transformar a política española, ben na cousa política e social en xeral, ben na ardua tarefa que é a xestión municipal.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 28/03/2022

Comparte esta noticia
O actual líder de Mas País, Íñigo Errejón, ofrécenos en “Con todo. De los años veloces al futuro” (Planeta, 2021), unha obra na que combina o relato da súa iniciación na política en organizacións xuvenís e estudantís, a análise e a explicación, dende a vivencia persoal do autor, da evolución de Podemos, dende a súa creación ata o seu abandono da organización en 2019, logo da derrota en Vista Alegre II e o proceso de acoso ao que a parte gañadora o someteu, poñendo en práctica todo o que aprenderan nesa escola de estalinismo que foi durante tantos anos o PCE. Non aforra Errejón citar, con nomes e apelidos, aos que converteron Podemos nunha caricatura do que podería ter sido. Para aqueles con experiencia en organizacións políticas da esquerda do PSOE sen dúbida non pouco do narrado nas páxina de “Con todo” sentirase, case, como experiencia propia, algunhas veces provocando un sorriso, ás mais das veces outra sensación, ben distinta.
 
En novembro de 2021 a ex-alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena publicou “La joven politica. Un alegato por la tolerancia y crítico con los partidos” (Península, 2021). Un libro tremendamente persoal e tremendamente interesante. Como no caso anterior a autora ofrece pinceladas da súa experiencia como estudante universitaria comprometida, como xuíza, e logo membro do Consello Xeral do Poder Xudicial, e sobre todo deixa constancia do seu titánico empeño en non deixarse arrastrar a practicar a política do descrédito cos seus opoñentes,  mostra o seu desprezo pola política da puñalada, da mentira, esa que foi o día a día da oposición do Partido Popular durante o seu mandato (aínda que agora podamos afirmar, sen dúbida algunha, que efectivamente non era nada persoal: son así, o levan nos xenes... o mesmo que fixeron con Manuela Carmena o fan cos seus propios dirixentes e compañeiros, sempre que facelo réndelle algún beneficio, polo xeral beneficio persoal, entendámonos!).
O libro da ex-alcaldesa é un libro prudente, sosegado na súa maior parte, tal é como é a autora, salvo algunha crítica aceda, e merecida ao meu entender, a personaxes, un tanto sinistros, da esquerda madrileña: o caso de Juan Carlos Monedero, oráculo de necidades. Non saca Manuela Carmena a relucir as terribles loitas internas entre as diferentes faccións de Ahora Madrid, si algúns dos choques que cimentaron logo o cisma e presentación dunha candidatura, ao final marxinal, apoiada por Izquierda Unida Comunidade de Madrid.
 
Moi recomendable é o capítulo 8 “ A conquista: chegar ao poder”, no que aborda cuestións como a elaboración do programa, a dificultade do paso do activismo á xestión das institucións, o papel dos xuíces na política... O capítulo anterior, “As milicias, a tropa, os mandos”, merece tamén unha lectura pausada, nestas páxinas abórdanse temas como o papel das organizacións sociais, a vida orgánica das organizacións políticas, o papel das primarias...
 
O terceiro e último libro que quero comentar é algo distinto, aínda que moito menos do que puidera parecer de principio. A obra en cuestión mereceu o Premio Garcia Barros de 2021, convocado polo concello da Estrada. Trátase, formalmente, dunha novela, pero a verdade é que resístome a vela como tal. A obra de Alberto Lema, concelleiro de Marea Atlántica, militante da esquerda nacionalista, “Pazo de Inverno” (Galaxia, 2021), é mais ben unha crónica política dos catro anos do goberno municipal nos que o autor ostentou as responsabilidades de Emprego, Turismo, Promoción Económica e Mercados. A narración comeza nun punto indeterminado varios meses antes que Xulio Ferreiro encabezara a lista de Marea Atlántica rematando o dia antes do nomeamento da nova alcaldesa. Non me atrevo a xulgar a calidade literaria, aínda que teño que recoñecer que o lin en apenas uns días.
Lema fai un repaso das ilusións e, sobre todo, dos moitos problemas, que dentro e fora do pazo de María Pita, tivo que enfrontar o goberno municipal: presión dun medio como La Voz de Galicia utilizando a súa capacidade de chegar á cidadanía para tentar manter a súa posición de privilexio e a súa capacidade de influencia nas decisións municipais, as presións dos intereses inmobiliarios, ou das empresas que fan das externalizacións sen fin dos servizos públicos o seu lucrativo negocio. De por si múltiples problemas que si sempre son difíciles de manexar mais o son para un goberno exiguo (lembremos: 10 concelleiros sobre un total de 27), o que viña a significar, tamén a Compostela Aberta ou ao PSOE en Lugo que gobernaban en condicións case similares, horas de preparación e negociación para sacar adiante as propostas, sempre coa incerteza de que todo se fora ao traste a última hora.
 
O autor narra tamén a dificultade que significou chegar ao goberno dunha cidade como A Coruña sen contar apenas con ningún tipo de experiencia práctica de xestión, cun descoñecemento case absoluto do que é unha administración pública, e tamén sen apenas organización que respaldara á equipa de goberno, tanto nas duras como nas maduras.
Tal e como se relata no libro algúns destes problemas poderían terse solucionado, pero Marea Atlántica preferiu pegarse primeiro uns tiros nos pes, con decisións malpensadas e peor executadas, por exemplo as súas dúbidas iniciais co nomeamento de directores xerais, unha figura que era imprescindible nun equipo de goberno reducido e tan inexperto, necesitado de persoal técnico con compromiso político co proxecto, ou o nomeamento de asesores, nos que repetiron os comportamentos endogámicos dos partidos políticos aos que proclamaban viñeran a substituír.
 
“Pazo de inverno” resume perfectamente moito do devir deses catro ano, facendo aflorar tanto a ilusión que xerou o proxecto, como a valía de moitas das persoas que nel participaron, e que mostraron un compromiso e implicación absoluta, antepoñendo o interese colectivo ao interese persoal. Pero “Pazo de Inverno” tamén saca a relucir a inexperiencia e inxenuidade e, doe dicilo, a incapacidade que demostraron ante situacións que os superaban unha e outra vez. Na acción de goberno non faltou tampouco unha certa dose de soberbia, que os levou a perder un imprescindible senso da realidade social. Unha máxima xurídica, que eu aprendín pola malas nos xulgados é ”As cousas son o que son, e non o que se di que son”.  Xulio Ferreiro non foi quen de transmitirlle todo o que significar esa frase a unha boa parte dos seus compañeiros e compañeiras de bancada.
 
Interesante, e merecedora de reflexións mais profundas das que eu podo facer, é o acontecido ca “Insubmisa”, transmutada no libro na “Corsaria”, unha proba de lume de difícil solución. Seguramente non tiña solución boa, tiña unha que era a menos mala, foi a que se tomou?. Sacar leccións desa experiencia sería fundamental para non cometer os mesmos erros unha e outra vez.
 
O libro de Alberto Lema é unha crónica e unha man chea de reflexións que o autor pon na boca de diversos protagonistas, as veces recoñecibles, ás veces voces anónimas que poderían ser calquera, eu mesmo, vos mesmos, si estiveches no seu momento interesados no devir do goberno coruñés.
 
Das reflexións sería necesario sacar conclusións, dos erros apréndese, pero aprender necesita esforzo. A pregunta que me fixen ao rematar o libro foi: de todo isto, de todo o que se fixo ben, de todo o que se fixo mal, en Coruña, Santiago, Ferrol... temos aprendido algo?; esa experiencia poderemos poñela en valor de forma colectiva, ou a vindeira vez, sexa cando sexa, volverase a pensar que se acaba de inventar a roda?.

Martiño Noreiga, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez nun acto de En Marea
Martiño Noreiga, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez nun acto de En Marea | Fonte: enmarea.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recuros Humanos, a Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é vicexerente para o campus de Lugo, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.