Feijóo podería levar conselleiros a Madrid: "é compatible con que sigan na Xunta"

Defende que manterían ambas ocupacións, como el mesmo fixo durante as xornadas da súa cuestionada campaña interna. A oposición xa se manifestou criticamente contra esta duplicidade de cargos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato a presidir o PP, Alberto Núñez Feijóo, deu a entender este xoves que pretende incorporar a membros do Goberno galego como secretarios executivos do partido na nova etapa que abrirá a nivel nacional a partir do congreso que se celebra en Sevilla este venres e o sábado. "Creo que si debe haber membros do Goberno (galego) que poidan asumir secretarías executivas a nivel nacional porque os coñezo moi ben e poden achegar moito á política nacional", sentenciou, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo.

Feijóo evitou dar nomes, pero no seu Goberno hai conselleiros que están moi ligados á súa figura e que mesmo que o acompañaron como asesores desde os seus inicios á fronte do Executivo autonómico. É o caso do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, tamén amigo persoal do dirixente popular.

Neste punto, defendeu que é perfectamente "compatible" seguir no Executivo autonómico como conselleiro e ocuparse dalgunha secretaría executiva no PP. Precisamente o mesmo que vén criticando a oposición nas últimas xornadas. Sobre a posibilidade de que algún membro da Xunta deixe o Goberno para acompañarlle no seu salto á política nacional nalgún cargo que faría "incompatibles" ambos os labores, preferiu reserva a súa opinión ata o propio conclave, que arrinca este venres.

En todo caso, a mensaxe que lanzou ata agora en relación á súa sucesión en Galicia é que será "previsible" e co obxectivo de transmitir aos galegos unha sensación de "estabilidade", o que sería contraditorio con máis saídas de conselleiros para partir cara a Madrid, polo menos dunha forma inmediata. Nesta mesma xornada, Feijóo revelou que proporá a Cuca Gamarra como secretaria xeral, cuxo perfil, experiencia e traxectoria valorou tamén na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Feijóo preside o Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo preside o Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta