Por E.P. | VIGO | 31/03/2022 | Actualizada ás 19:11
O sindicato UGT volveu a reclamar este xoves a inclusión de cláusulas de revisión salarial nos convenios colectivos e advertiu de que non facelo é unha "temeridade" no actual contexto de inflacción disparada. Así o trasladou o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, en declaracións aos medios antes de participar nunha asemblea de delegados do sindicato en Vigo.
Segundo incidiu, é "fundamental" que os convenios inclúan esa cláusula, e "case é unha cuestión 'sine qua non'" nun contexto de inflacción de practicamente o 10 %. "Asinar convenios sen esa cláusula é unha temeridade", advertiu. Pepe Álvarez aseverou que o empresariado "ten que entender" que, da mesma maneira que cando sobe o prezo das materias primas "eles repercuten no consumidor final ese diferencial", a única maneira que os traballadores teñen de "recuperar nivel de vida" é a través dos salarios e da negociación dos convenios colectivos.
O secretario xeral de UGT sinalou que "ese é o debate fundamental" ao redor da negociación colectiva coa patronal, e engadiu que o sindicato exporá ao Goberno que, á marxe do plan de choque pola guerra de Ucraína (que "vai na boa dirección pero é insuficiente", tal e como reiterou), poña en marcha outros mecanismos sociais para axudar as persoas que teñen máis dificultades.
Respecto diso, lembrou que a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) no principio do ano quedou "aplanada" pola inflación. "Esa subida comeulla o IPC", subliñou, e pediu "axudas" e "soporte" para as familias con ingresos máis baixos, e que poidan facer fronte ás subidas dos prezos da enerxía e do resto de produtos da cesta da compra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.