Ilusión pola diplomacia

Foi un día da primeira metade dos anos 70 cando Antonio presentouse nas oficinas de Talleres “El Nervión”, en Ribeira. Antonio era vendedor de enciclopedias, traballaba para a editorial barcelonesa Plaza & Janés. Naquel momento a obra que promocionaba era o “Diccionario Enciclopédico Abreviado”, dous tomos, que custaban 1.000 pesetas. Meu pai foi un dos traballadores aos que lla ofreceu e que acabou mercando. A miña nai lembra que pagaron en 10 prazos, 100 pesetas ao mes.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 04/04/2022

Comparte esta noticia
Antonio converteuse nun visitante asiduo á miña casa. Un par de veces ao ano chegaba co seu maletín cheo de novidades, e a aquela primeira compra seguiron outras. Pronto aquel dicionario veuse acompañado polos oito tomos do “Diccionario Enciclopédico”, por “Geographia” ou por “Historia Universal Comparada”. Gardo a lembranza dos meus ollos abertos como pratos ollando o folleto publicitario da “Nueva Larousse Ilustrada”, 45 tomos cheos de fotografías. Daqueles anos lembro como a miña nai non se cansaba de recordarnos, ás miñas irmas e a e min, que antes de coller os libros nos laváramos as mans, para non luxalos.
 
Pasei moitas tardes de inverno, cando o choiva e o frío convidaban a quedar na casa, consultando aquel primeiro dicionario enciclopédico. As súa paxinas eran unha porta aberta a outros mundos, a países exóticos, a animais sorprendentes, e tamén ao significado das palabras. 
 
Hai uns días estiven no que foi por moitos anos o meu fogar en Ribeira e aproveitei para voltar a ollar aqueles libros. Como tantas veces antes mergulleime nas súas páxinas, á procura de palabras que estas últimas semanas non son capaz de sacar da cabeza, escoitando como escoito repetir a unha parte de esquerda que ante a invasión e as salvaxadas das tropas rusas en Ucraína a entrega de armas ao exercito ucraíno non é a solución, que hai que primar a negociación, a diplomacia. 
 
Unha das palabra que busquei foi “ilusión”. O dicionario abreviado dedícalle apenas dúas liñas: concepto ou representación carente de verdadeira realidade; tamén: esperanza sen fundamento. O “Diccionario Enciclopédico” é mais prolixo, pero incide no mesmo: erro de xuízo ou razoamento ou percepción que non concorda coa realidade. Busquei tamén o significado de “diplomacia”, esa palabra máxica descuberta polo podemismo estes días: os vellos dicionarios a explican como: “ciencia ou coñecemento dos intereses e relacións dunhas nacións con outras”, tamén, como significados figurativos e familiares, a definen como “cortesía, aparente e interesada” ou “habilidade, sagacidade e disimulo”.
 
Hoxe, ante a invasión de Ucraína, unha parte da esquerda está ilusionada coa diplomacia. É dicir, está errada, enganada, e o peor é que quere enganar á cidadanía, facerlle crer nunha quimera. Desgraciadamente a diplomacia ten os seus momentos. A diplomacia necesita que, polas partes en conflito, se acepten as súas normas, sustentadas no rexeitamento do uso da violencia como forma de resolver as diferenzas. Non é o caso hoxe en Ucraína. 
 
Ucraína é un país agredido, un país do que os seus cidadáns teñen que fuxir para salvar a vida, hoxe mais de catro millóns de persoas; un país no que as súas cidades son machucadas día tras día pola artillería rusa ou polos foguetes que a súa flota dispara dende centos de quilómetros de distancia. Cidades sometidas a asedio, cidades que queren someter a ferro e lume. E fronte á maquinaria de guerra rusa o exercito ucraíno, ao que se xuntan milleiros de voluntarios e voluntarias, dispostos a exercer un dereito recoñecido internacionalmente, polas normas e tamén polo senso común, pola dignidade: o dereito á lexítima defensa. Un dereito que unha parte da esquerda quere negarlle, negándolle o dereito a recibir armas, negando, dificultando, a obriga moral das democracias occidentais de apoiar a quen se defende dun inimigo moitas veces superior, un inimigo que so saber facer política como un matón calquera.
 
Hai unha esquerda, Podemos ou BNG por citar dúas, pero tamén, a nivel de forzas locais, á Alternativa dos Veciños, que dixire mal a realidade. A única forma de obrigar a que o ditador ruso se sente a negociar, a única forma de que acepte unha vía diplomática, é o fortalecemento da capacidade de resistencia ucraína. 
 
Hai unha esquerda que debería regresar ás aulas, a estudar Historia. A historia da Guerra Civil española, a dos anos anteriores á II Guerra Mundial e a política de apaciguamento, que o primeiro ministro conservador británico Arthur Neville Chamberlain seguiu ante o Terceiro Reich, e o seu vergonzoso Acordo de Múnich. 
 
Pero non hai que mirar tan atrás para ver a onde nos pode levar esa ilusión pola diplomacia que hoxe tan inxenuamente (ou interesadamente, que tamén pode ser) defenden Ione Belarra, Pablo Echenique, o alcalde de Oleiros ou os dirixentes do BNG. Miremos aos anos 90 do século XX.
 
De que serviu esa ilusión pola diplomacia aos milleiros bosnios asasinados, as centos de bosnias violadas por soldados das milicias serbias durante a guerra que asolou ese pais entre 1992 e 1996?. Paga a pena botarlle unha ollada a “Matadoiro”, o libro que David Rieff escribiu en 1995. O título é un resumo do que os lectores e lectoras atoparan no seu interior. Cal é o senso da diplomacia ante o sitio a Sarajevo, durante case catro anos, entre abril de 1992 e finais de febreiro de 1996?. 5 de febreiro de 1994 masacre do mercado de Markale, case 70 vítimas mortais, o seu crime era facer cola para poder ter un pouco de pan. Unha das moitas matanzas que as milicias serbias cometeron. Ata onde se debe confiar na diplomacia?.
 
Sobre o sitio de Sarajevo, feito do que os dirixentes de Podemos parece non teñen moita idea de que teña ocorrido, Belarra ou Montero poderían botarlle unha ollada a varios libros, tal vez a “Cuadernos de Sarajevo” ou a “El sitio de los sitios”, de Juan Goytisolo ou mesmo a “Sarajevo”, do xornalista Alfonso Armada. Sarajevo, unha cidade martirizada. Os cálculos sobre as vítimas civís elevan o número de mortos a 10.000. Viva a diplomacia, viva a non intervención!.
 
Srebrenica, cidade bosnia declarada zona segura polas Nacións Unidades, “protexida” por cascos azuis holandeses. Que terrible mentira. Entre o 11 de xullo e o 22 de xullo de 1995 as milicias serbias executaron ante a pasividade das Nacións Unidas, e do mundo, a 8.372 bosnios. Ninguén moveu un dedo para parar a matanza. Seguramente en aras da negociación, da resolución pacífica dos conflitos... Paga moito a pena ver “Quo Vadis, Aida?”, a desgarradora película dirixida por Jasmila Zabinic en 2020, que narra os feitos de forma tan real como conmovedora. 
 
Non serei eu quen lle reste valor á negociación, á diplomacia, a tentar resolver os conflitos de forma pacífica, pero todo ten un límite. Cada cousa ten o seu lugar e o seu tempo. Falar de negociación, falar do papel da diplomacia hoxe en Ucraína cando o país está sendo arraxado polo desexo dun ditador é pura ilusión, puro engano, pura inxenuidade.
 
Ucraína precisa toda a nosa axuda, toda a nosa solidariedade. Acoller ás persoas que foxen da guerra é unha forma de solidariedade, necesaria, imprescindible. Poñer en práctica todas as medidas de índole económica e política é igualmente necesario, aínda que algunha desas medidas teña un coste para nos mesmos. Pero tamén é indispensable apoiar a Ucraína no esforzo militar, é necesario que Ucraína resista a embate do exercito invasor. 
 
En Ucraína non está so en xogo a independencia do propio pais, está en xogo a validez da violencia, o matonismo, como medio para conseguir os fins que o ditador de quenda se propoña. En Ucraína Europa xógase o seu futuro. Un futuro que necesita algo mais que verbas.
 
Taras Bilous, historiador ucraíno e activista social, escribía a finais de febreiro, en Opendemocracy, un artigo do que se fixeron eco distintos dixitais: “Carta aberta á esquerda occidental dende Kiev”, paga a pena léela, e reflexionar sobre iso da neutralidade,  sobre o bonito que é defender os nosos principios pacifistas dende a nosa tranquilidade, ou pensar o ben que aínda soan as vellas e gastadas consignas anti OTAN, mentres son outros os que poñen os mortos. 
 
A esquerda non se merece esa esquerda.
 

Soldados na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína
Soldados na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína | Fonte: Cope-EFE.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.