Convocada unha folga na CRTVG contra o despido de 40 traballadores "precarios"

O Comité Intercentros prevé paros totais nos primeiros días de maio, unha medida coa que queren instar á Corporación a negociar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

Folga en San Marcos: o persoal da CRTVG anuncia que volverá mobilizarse. Desta volta, e co refrendo das asembleas que se celebraron no ente público estes días, o Comité Intercentros anuncia que vén de deseñar un calendario de mobilizacións que arrincará este venres 8 de abril cunha concentración interna e irá subindo en intensidade ata celebrar, se nada o impide, varias xornadas de folga.

Redacción da CRTVG, en San Marcos. CRTVG- Arquivo
Redacción da CRTVG, en San Marcos. CRTVG- Arquivo

Con estas protestas, os traballadores e traballadoras da TVG e da Radio Galega queren que a empresa reabra a negociación que pechou sorpresiva e unilateralmente sobre as prazas afectadas polo proceso de estabilización de emprego que prevé a Lei 20/2021, de 28 de decembro, de redución da temporalidade no emprego público, segundo apuntan dende o Comité. Tal ente asegura que a dirección de recursos humanos quere "ratear prazas ou postos ocupados durante anos e anos por persoal temporal" que "poderían estabilizarse e consolidarse nos procesos extraordinarios que se deben desenvolver ao abeiro desta Lei, que ten por obxectivo rebaixar a contratación temporal do 8%".

Por riba, a representación legal do persoal estima que, de non incrementarse o número de prazas que a empresa prevé convocar, perderán o emprego de xeito directo unhas 40 persoas que levan prestando servizos para a CRTVG de forma temporal e precaria, nalgúns casos, máis de 16 anos. O cómputo de prazas elaborado "unilateralmente" pola empresa racha "de pleno" o compromiso transmitido á RLT polo director de RRHH, Víctor Tubío, de que “non vai quedar ninguén atrás” e, segundo engaden, "non deixa outra saída ás traballadoras que esixir vía mobilización o que a lei permite".

CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS

As mobilizacións, de carácter gradual, comezarán o venres 8 e o martes 12 de abril con concentracións nos centros de traballo, para dar paso, xa durante as xornadas dos mércores 20 e 27 de abril, a folgas parciais de media xornada que afectarán a todas as quendas horarias. De non producirse avances na negociación, está previsto celebrar folgas de 24 horas o domingo 1º de maio e o luns 2. Os lemas destas protestas, inciden, serán “Pola consolidación de todo o emprego temporal e en contra dos despedimentos na CRTVG”. O Intercentros asegura que solicitou xa xuntanzas urxentes tanto coa dirección de Recursos Humanos como co Consello de Administración da Corporación para abordar este conflito e procurarlle solucións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta