A Xustiza recoñece o dereito dun cidadán a ser atendido en galego pola Axencia Tributaria

O Tribunal Superior declara nulos os actos administrativos efectuados en castelán no caso deste cidadán.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/04/2022 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dun cidadán a ser atendido en galego, como así o expresou anticipadamente, e declarou nulos os actos administrativos efectuados pola Axencia Tributaria en castelán, ordenando retrotraer as actuacións ao momento anterior á vulneración do seu dereito á elección lingüística.

Unha oficina da Axencia Tributaria
Unha oficina da Axencia Tributaria | Fonte: Ministerio de Hacienda

A Mesa pola Normalización considera "histórica" a sentenza emitida o 4 de abril polo TSXG e "un éxito xudicial" alcanzado polos servizos xurídicos desta entidade, dirixidos por Elsa Quintas.

A xuízo da entidade, supón "un reproche" á Axencia Tributaria por eludir a "vontade inequívoca" do administrado a que se comuniquen con el na lingua galega e por "baleirar" de contido o dereito á elección lingüística que ampara á cidadanía galega.

O tribunal ten en conta a dilixencia despregada polo administrado ao requirirlle á AEAT que lle notifique en galego e ordena a suspensión dos prazos das comunicacións efectuadas en lingua diferente á escollida, mentres o ente tributario non cumpra coa obriga de notificar en lingua galega.

Quintas lembra, ademais, que a Axencia Tributaria ignorara en cada un dos procedementos incoados de oficio as reiteradas solicitudes do cidadán de que lle notificasen en galego as comunicacións e considera un "verdadeiro éxito que o TSXG non convalide o pretexto do ente tributario de que se trata de procedementos desconectados entre si".

"A administración non pode ampararse nunha división do procedemento para impedir a eficacia do dereito exercitado polo obrigado tributario", sinala a sentenza. Por iso, responsabiliza á administración tributaria de non articular un mecanismo de coordinación entre os diferentes órganos que garanta o dereito á elección lingüística do cidadán, sen necesidade de ter que reiteralo en cada procedemento.

O cidadán afectado, Xurxo Martínez González, director do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, celebrou nas súas redes sociais a resolución da batalla xudicial que mantivo durante catro anos e cualificou a sentenza de "verdadeiro triunfo para o idioma galego". "Os dereitos deben ser exercidos ata as últimas consecuencias", considerou.

As persoas que o desexen teñen a disposición a Liña do Galego para manifestar as súas queixas ou dúbidas, a través do número 981 563 885, do correo electrónico linhadogalego@amesa.gal ou da app A Liña do Galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta