Limpeza de montes en Caldas e O Salnés para evitar incendios este verán

As tarefas sairán por máis de 100.000€.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2022 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural investirá un total de 113.683 euros en diferentes traballos preventivos contra incendios forestais no distrito XIX (Caldas-Salnés). En particular, levarán a cabo labores en montes das parroquias de Pontecesures, Grobas e Fenteira, no Concello de Pontecesures; das de San Miguel, Cordeiro e Setecoros, no de Valga; na de Carracedo, en Caldas de Reis; en Catoira e Abalo, no municipio de Catoira; e das de Bamio e Guillán, no municipio de Vilagarcía de Arousa.

Estas intervencións enmárcanse no Plan preventivo de incendios forestais da Consellería de Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. Os traballos consistirán na mellora de senllas forestais cunha pa e con motoniveladora, ademais da roza previa e da instalación de pasos de auga nalgunha das pistas. Tamén se farán rozas e podas en áreas diversas.

A posta en marcha de franxas auxiliares e de rozas de matogueira de diversas alturas e densidades en pistas ten como obxectivo diminuír o risco de incendios forestais e evitar a súa propagación, así como facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción.

Bosque da Lingua, iniciativa da Comunidade de Montes de Couso en Gondomar.
Bosque da Lingua, iniciativa da Comunidade de Montes de Couso en Gondomar. | Fonte: Comunidade de Couso

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta