Lei da cadea alimentaria: a quen corresponde facela valer?

A Xunta insta ao Goberno a cumprila pero as asociacións agrarias apuntaron que San Caetano tamén podería axudar cun observatorio de prezos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, urxiu ao Goberno central a que se cumpra a lei da cadea alimentaria para manter a viabilidade económica das explotacións e non vendan a perdas.

Na Comisión de Agricultura, Martín Seco (PSdeG) reclamou á Xunta que complemente axudas do Goberno central para o sector da carne e a pataca. Reprocha ao Goberno galego a súa "desaparición" ante a subida de prezos que sofre o campo galego nun escenario marcado pola guerra de Ucraína.

En resposta, Balseiros sostén que se pode "falar de axudas todas as que se queira", pero "o que necesitan os sectores non son axudas", senón que "se paguen prezos xustos" a través da lei de cadea alimentaria, que debe ser a "pedra angular". A Xunta así insta ao Goberno a cumprila pero as asociacións agrarias, como xa recolleu o Galicia Confidencial, apuntaron que San Caetano tamén podería axudar cun observatorio de prezos. 

Ademais, o director xeral avisa de que os 164 millóns comprometidos polo Goberno central para o lácteo e os 193 millóns para o resto de sectores non son máis que "anticipos" do próximos Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) e Política Agrícola Común (PAC).

EDIFICIO ABANDONADO EN CARBALLO

Nesta comisión de Agricultura, o deputado Daniel Pérez (BNG) denunciou que a Xunta deixa o edificio da antiga Cámara Agraria de Carballo, situado na Milagrosa, en "estado de abandono e ruinoso", o que "supón un perigo" para a seguridade dos viandantes. En resposta, o secretario xeral técnico de Patrimonio, Jorge Atán, sinalou que en Carballo hai dous edificios da antiga Cámara Agraria, na Milagrosa e A Brea, que son de titularidade da Xunta, pero "que veñen sendo posuídos e ocupados sen ningún título habilitante por parte do Concello".

Sobre o edificio da Milagrosa, o alto cargo da Xunta sinala que un informe técnico de outubro apunta a que o inmoble "non se atopa en bo estado, pero non está en estado de ruína", mentres sostén que o Concello non tramitou actuacións nin iniciou expediente de declaración de ruína. Así mesmo, sinala que estes son terreos agrarios que só se poden destinar a fin agrario ou proceder a unha permuta ou venda. Sobre as medidas a tomar, Atán indica que "se poden iniciar actuacións co municipio para clarificar as súas intencións sobre a posesión".

Un tractor nunha concentración do sector lácteo para esixir 'prezos xustos' para a produción de leite, fronte á factoría de Lactalis, a 11 de novembro de 2021, en Vilalba, Lugo / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Un tractor nunha concentración do sector lácteo para esixir 'prezos xustos' para a produción de leite, fronte á factoría de Lactalis, a 11 de novembro de 2021, en Vilalba, Lugo / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta