Vendas ilegais e silencio administrativo: así se “deixa morrer” o sector primario galego

As granxas de vacún enfrontan unha das peores crises da súa historia ante a ineficacia dunha lei estatal que segue permitindo a venda a perdas. O SLG apunta á Xunta como cómplice do “desmantelamento” por excluír das axudas ás pequenas explotacións: “abren a porta a máis eólicos e eucaliptos”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A ninguén escapa xa que o rural galego está en crise. Logo de anos cun saldo demográfico en caída libre, as vilas e aldeas do interior galego sofren a retracción dos principais servizos públicos e privados: cada vez menos autobuses pasan polas vellas estradas, a cada pouco máis baleiras as prazas e igrexas. O fenómeno é especialmente sangrante no caso das sucursais bancarias: a empresa de Escotet pechou medio centenar de oficinas ao longo de 2021; iso si, ao tempo que recibía unha subvención millonaria da Xunta para reabrir 39 e anunciaba un crecemento exponencial dos seus beneficios.

Un grupo de vacas pastando nunha leira de gandaría extensiva
Un grupo de vacas pastando nunha leira de gandaría extensiva | Fonte: Carlos Luján - Europa Press.

 

Os historiadores saben que todo cambio social leva aparellado, na base, unha transformación económica. Por iso a morte da vida interior de Galicia ten as súas raíces na lenta agonía do sector primario. A gandaría galega, en estado de crise dende hai décadas, enfronta en 2022 un dos túneles máis longos da súa historia: o dunha alza de prezos que ameaza con desertizar permanentemente o tecido económico máis alá dos núcleos das cidades. 

 

Volvemos a vista atrás ao século XIX. O entón Reino de Galicia chega tarde e mal á nacente industrialización europea, que no país deixa apenas algunhas plantas conserveiras en mans foráneas. A anemia do sector secundario empurra a economía galega á produción agraria, que despegará moderadamente no século XX coa fin do sistema foral, herdado da Idade Media. De aí que Galicia fora, até non hai moito, un territorio fundamentalmente agrario de pequenas explotacións campesiñas.

 

O problema chega coa globalización e a competencia dos mercados estranxeiros. O minifundismo galego, incapaz de dar batalla ás grandes produtoras, fenece a grandes pasos. En 1990 contábanse máis de 125.000 explotacións bovinas en Galicia, das que hoxe quedan apenas 15.000, segundo UU.AA. e o SLG. A ameaza deste sector dezmado atópase agora na alza de prezos provocada pola carestía de materias primas e carburantes, responsable tamén do estalido da factura da luz que afecta aos fogares de todo o Estado.

 

Pero imos por partes. A gandaría galega conta con dous brazos fundamentais: carne e leite. Ambos sectores comparten unha problemática que podería resumirse como segue: os costes de produción soben vertixinosamente mentres que o prezo de venda se mantén estable. Un gandeiro pode sacar 4’6€ por kg de tenreira galega, pero ten que investir 6€ para conseguilo, apuntan dende UU.AA.. No eido lácteo, o litro sae a 39 cts. e véndese por 35. Non dan as contas.

 

O caso galego xera especial estupor porque os produtos da Comunidade son, de feito, dos mellores do mercado estatal e europeo: o leite destaca pola alta concentración de materia graxa --que serve para facer manteiga, entre outros-- e a carne polas condicións especiais do pastoreo, tan distante das macrogranxas que marcaron a polémica do pasado xaneiro. Entón, por que o mercado galego vende produtos gourmet a prezo de saldo? Hai varias causas.

 

UNHA LEI DE FOGUEO

 

Para comezar, sindicatos e asociacións agrarias coinciden en apuntar á administración por permitir a compra ilegal de produtos. O Goberno aprobou o pasado decembro a revisión da Lei da Cadea Alimentaria, unha norma que impide a venda ‘a perdas’. Isto quere dicir que as empresas lácteas ou cárnicas non poden mercar aos gandeiros por debaixo dos seus custes de produción, como efectivamente acontece. O problema está en que o Estado non dispuxo un mecanismo para cuantificar de forma oficial os nomeados custes. Co cal a Lei, polo momento, carece absolutamente de efecto

 

Así é que ao longo e alto do país se seguen sucedendo episodios de compra ilegal, ben con contratos abusivos --no caso do leite-- ou directamente sen contrato --no caso da carne--. Óscar Pose, responsable da Área de Sector Lácteo de UU.AA., resume así a problemática: “apenas hai negociación real, os contratos impóñense. E iso podemos velo en que as cláusulas son as mesmas para case todas as explotacións”, incide. Esta indefensión, explica, vén motivada polo carácter individual das ‘negociacións’, desenvoltas de xeito individual agás en casos contados. Á parte, o leite é un produto especialmente perecedeiro, o cal deixa aos gandeiros nunha bifurcación amarga: vender por debaixo de costes ou deixar que se perda.

 

No caso da carne, a circunstancia é aínda máis difícil. “En teoría tes que ter un contrato no que se puxera o prezo e o número de animais que vendes ao ano, cando os entregas... pero ninguén o ten”, explica José Ramón González, gandeiro e Secretario de Agricultura da mesma organización. “Así que temos que mandar os becerros ao matadoiro e alí pésanos e póñenlle

un prezo, cando xa está morto. A lei prohíbeo”, engade.

 

EÓLICOS, MINAS E EUCALIPTOS

 

Onde buscar a saída a esta situación? SLG e UU.AA. coinciden, novamente, en apuntar á Lei da Cadea Alimentaria, e sinalan directamente á Xunta como responsable de facela valer. A eiva fundamental da norma retocada por Agricultura está nesa ausencia de costes medios, angueira que, a ollos destas asociacións, correspondería á Consellería de Medio Rural. Demandan que cree un observatorio de prezos que permita establecer os costes medios dos distintos tipos de explotacións --intensiva, extensiva-- e así facer pagar aos intermediarios por riba dos mesmos.

 

Galicia Confidencial dirixiuse á Xunta para coñecer se existen proxectos ao respecto, pero a administración autonómica non respondeu. Con todo, o Sindicalo Labrego Galego deixa entrever poucas expectativas no tocante á administración autonómica, á que acusa, por riba, de manter un silencio cómplice coa morte de pequenas explotacións para abrir os marcos do rural a novos parques eólicos e montes de eucalipto.

 

O sinalamento do SLG vén dado pola liña de axudas á carne convocada a finais de 2020 por Medio Rural. A Xunta, explican, decidiu excluír destas compensacións a todas as granxas que tiveran menos de dez vacas nutrices. Na práctica, inciden, a criba implicou deixar fóra a case a metade de granxas cárnicas de Galicia. Pero, para o Sindicato, a decisión de Medio Rural non se agocharía tras unha vontade economicista, senón que pretende “sepultar” as explotacións familiares para concentrar a actividade nas famosas macrogranxas.

 

“Hai unha estratexia para acabar con este tipo de explotacións porque a Xunta defende abertamente un modelo integrado da carne”, asegura Brais Álvarez, coordinador da Dirección da Carne do SLG. Pero o Sindicato advirte que esta xestión centralizadora sumaría novos problemas á vida do rural: “Vai afondar en despoboación, máis emigración de xente moza ás cidades...”, incide.

 

É aí cando entra en xogo a cuestión eólica. Álvarez valora que a Xunta pode ter “intereses” na asfixia das pequenas explotacións para darlle outros usos ao solo. Xa en casos como o do Monte do Gato quedou claro o papel dos gandeiros na contestación aos macroparques tramitados pola Consellería de Medio Ambiente. “Vemos claramente como a Xunta favorece o negocio eólico e madereiro. Se cadra está política é incompatible con manter un medio rural poboado e vivo”, valora.

 

O papel acrítico da Xunta coas macrogranxas viría motivado tamén pola vontade de “centralizar” a propia produción galega, estratexia que SLG e UU.AA. coidan desacertada. Argumentan que a tenreira galega, en particular a ‘suprema’, é de gran calidade, e que carecería de sentido rebaixar a produción ao nivel do produto xenérico. Demandan, en troques, máis fondos para promocionar a IXP e dar a coñecer as súas vantaxes, á parte dunha inxección de fondos urxentes para a granxas que peor o están a pasar. Brais Álvarez, do SLG, resume a protesta das moitas e pequenas explotacións que agroman no país: “as axudas son necesarias a curto prazo para evitar peches, pero nós o que queremos é que se cumpra a lei”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta