Aena acoutará parcelas nas inmediacións do aeroporto de Santiago para que non sexan utilizadas para aparcar

"Non podemos dar como cidade esta imaxe que demos estes días", advirte o Concello en relación coa existencia dun aparcadoiro ilegal.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/04/2022 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

Aena acoutará as súas parcelas situadas nas inmediacións do aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela, para que non sexan utilizadas para aparcar vehículos particulares. Así o destacou este xoves o concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, tras participar nunha reunión con esta entidade e a policía para abordar a existencia dun falso aparcadoiro regulado no aeroporto Rosalía de Castro, que acumulou vehículos en leiras próximas ao aeródromo cobrando aos seus propietarios.

Aeroporto de Santiago de Compostela
Aeroporto de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press.

Tras o encontro, en declaracións difundidas polo Concello, Gonzalo Muíños sinalou que os veciños sofren a convivencia diaria con este tipo de "prácticas supostamente fraudulentas que se están facendo".

"Non podemos dar como cidade esta imaxe que demos estes días, sobre todo de cara aos próximos meses, nos que o incremento do movemento no aeroporto vai ser máis que evidente", sostivo o concelleiro.

Así mesmo, explicou que, no encontro, por parte da Comisaría de Policía pediuse ás distintas partes que denuncien calquera tipo de actividade que poidan considerar "fraudulenta".

Ademais, sinalou que tamén se chegou á conclusión que sería imperante aumentar a sinalización en distintos puntos da parroquia para facilitar o labor das forzas e corpos de seguridade, como a Garda Civil, que "ten competencias para multar e mesmo dar orde de retirada dalgún tipo de vehículo".

Por último, Gonzalo Muíños fixo un chamamento aos usuarios deste tipo de plataformas para que sexan conscientes de que os vehículos "non están a ser depositados como tiñan que ser nun aparcadoiro privado".

Ademais, incidiu en que na zona "hai suficientes" aparcadoiros, como o propio de Aena, no que os cidadáns poden deixar os seus vehículos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta