Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2022 | Actualizada ás 10:31
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda gALICIA ata o próximo 7 de maio a obrigación de presentar o certificado Covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.
Así o informou o TSXG, que explica que a Sala destaca que, para autorizar a medida, que ten como propósito "defender a saúde pública malograda pola pandemia", tivo en conta os informes técnicos presentados pola Xunta.
Os maxistrados consideran necesario, dada a situación epidemiolóxica actual, esixir a exhibición dun do tres certificados Covid-19, "tanto para evitar a transmisión do virus como para contribuír a que a poboación máis resistente a vacinarse o faga". Ademais, subliñan que a medida é "necesaria, idónea e proporcionada" en relación "cos sacrificios" que se esixen para procurar a defensa da saúde pública.
No auto puntualízase que a autorización xudicial supón a prórroga de dous precedentes, xa autorizadas por esta sala en sete ocasiones ata distintas datas, que se estenderon ata as 00,00 horas do 23 de abril e que agora se amplía ata as 00,00 horas do 7 de maio, "en todos os casos en razón á situación epidemiolóxica e ás propostas técnicas, que neste caso volve elevar a Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía no seu informe de 19 de abril, ao que se acompaña outro do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias que ofrece datos consolidados ás 10,00 horas do día 12 de abril.
MÁSCARA
Así mesmo, no auto, a Sala resalta que no territorio estatal tamén se mantén a obrigatoriedade do uso de máscara nos centros, servizos e establecementos sanitarios, sociosanitarios e nas residencias de maiores, "ao ser os ámbitos onde pode haber unha maior concentración de persoas vulnerables, nas que o risco de enfermidade grave é maior, e onde a probabilidade de transmisión é máis alta".
Esta supón a única medida na actualidade en Galicia tras eliminarse a última restrición en hostalaría --limitación de comensais-- no inicio da Semana Santa. Segundo puntualiza o TSXG, contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.