O río de Pontevedra que podería saír á luz tras 50 anos soterrado

Augas de Galicia dá o visto bo ao proxecto do concelleiro Iván Puentes para a "renaturalización" do cauce do río dos Gafos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

A "renaturalización" do río dos Gafos, en Pontevedra, máis preto de saír adiante. O proxecto impulsado pola concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natura acaba de recibir un importante aval. Segundo apuntan dende o Concello, Augas de Galicia vén de confirmar a súa inclusión no Plan de Xestión de Risco de Inundación e, en consecuencia, no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa para o ciclo 2021-2027.

Iván Puentes sobre o espazo que estará dedicado á 'renaturalización' do río dos Gafos
Iván Puentes sobre o espazo que estará dedicado á 'renaturalización' do río dos Gafos | Fonte: Concello de Pontevedra

A "boa noticia" para o consistorio chega despois de que o departamento que dirixe Puentes solicitase, durante o período de consulta pública do Plan Hidrolóxico e do seu estudo ambiental estratéxico, a inclusión das propostas para "liberar" o Gafos dentro do Programa de Medidas do devandito plan (PdM), con obxecto de mitigar os efectos do cambio climático e en base a unha estratexia transformadora de crecemento sostible.

O proxecto suporá a transformación urbana dun dos principais barrios do centro da cidade, ao destapar máis de 700 metros de río que levan soterrados durante uns 50 anos e creando un parque liñal de 81.000 metros cadrados, unha superficie que, como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “equivale a unha superficie de 12 estadios de Pasarón”.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez López, expuxo que “en canto á medida proposta polo Concello, de apertura do río soterrado, correspóndese a unha medida de restauración fluvial, da tipoloxía 14.01.02 dos plans de xestión de risco de inundación, que resulta moi interesante desde o punto de vista da Directiva 2007/60/CE relativa á xestión e avaliación do risco de inundación, en relación coa recuperación do espazo fluvial”.

“Polo tanto", incidiu, "será unha das medidas a incluír nas futuras Propostas Específicas de Xestión do Risco de Inundación (Pexri), que se desenvolvan para a Área con Risco Potencial Significativo de Inundación (Arpsi) do río Lérez e río dos Gafos. Deste xeito, incluirase tamén na versión definitiva do Plan de Xestión de Risco de Inundación 2021-2027, como futura proposta de actuación”.

Iván Puentes amosouse moi satisfeito con esta contestación positiva por parte de Augas de Galicia “nun momento crucial para que este proxecto de renaturalización do treito urbano do Gafos se poida materializar, no que estamos a piques de poder lanzar o concurso internacional de ideas en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (Coag) e de recibir unha resposta en relación á subvención de dous millóns de euros que lle solicitamos á Fundación Biodiversidade (adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) para liberar e restaurar un primeiro treito soterrado que discorre entre a rúa Xeneral Rubín e a igrexa de San Xosé (Praza da Constitución)”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta