O PP saca adiante unha iniciativa en apoio á moratoria eólica ata 2023, que o BNG liga ás municipais

O PSdeG demanda "maior transparencia" na tramitación de parques eólicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

A maioría absoluta da que goza o PPdeG no Parlamento de Galicia permitiu a aprobación dunha iniciativa en apoio ao desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia que, entre outras cuestións, apoia a moratoria á presentación de novas iniciativas ata xuño do ano 2023.

Este punto é un dos seis que conforman a proposición non de lei aprobada este mércores na Comisión 6ª do Lexislativo autonómico cos votos en contra dos grupos da oposición, BNG e PSdeG, que, no entanto, defenderon posturas dispares con cuestións compartidas, como a demanda de maior transparencia na tramitación de parques.

Así, o deputado nacionalista Daniel Pérez ligou a data da moratorio eólica, finais de xuño do próximo ano, coa celebración das eleccións municipais previstas un mes antes. Isto, para o parlamentario frontista, supón un intento do PP por acalar a "oposición frontal" entre veciñanza "de toda Galicia" á "invasión" eólica fomentada pola "barra libre" da Xunta que, mesmo, xerou críticas desde gobernos locais encabezados por alcaldes populares.

Pola súa banda, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo manifestou o apoio da súa formación ao "despregamento" da enerxía eólica en Galicia sempre que se realice de forma "transparente", con "plena integración social" e buscando a "xeración de emprego e de riqueza". Neste sentido, criticou que carece de sentido tanto a postura do PP de avalar "o desenvolvemento indiscriminado" dos parques eólicos como oporse "totalmente" como fai o Bloque.

INICIATIVA

Así as cousas, a iniciativa aprobada reivindica a vixencia do Plan Eólico de Galicia como unha ferramenta "que permite racionalizar o aproveitamento" desta enerxía renovable desde o "respecto" aos valores naturais de Galicia.

Así o defendeu a deputada Marta Nóvoa, encargada de presentar a proposición nunha exposición na que cargou contra o PSOE pola súa política enerxética desde o Goberno do Estado e contra o BNG por "terxiversar" a realidade "confundindo" a veciñanza das zonas afectadas por proxectos eólicos.

"Tramitar non é autorizar, e moitos dos proxectos non sairán adiante ou non o farán nos termos expostos", sinalou a parlamentaria do grupo maioritario, ao que lle bastaron os seus votos para aprobar un texto que tamén apoia outras medidas postas sobre a mesa polo Goberno autonómico como aumentar a distancia mínima dos aeroxeradores aos núcleos rurais.

Ademais, a través desta iniciativa, a Cámara demanda unha modificación lexislativa para "dar prioridade" na tramitación aos proxectos que destinen a metade da enerxía que produzan á industria galega "a través de contrato a longo prazo" e pide ao Estado a firma dun convenio para "coordinar" o desenvolvemento eólico en Galicia. 

Arquivo - Unha vaca pasta fronte a aeroxeradores no Parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Abadín, en Lugo, Galicia (España). A nova lei de eólicos que prepara a Xunta de Galicia g. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha vaca pasta fronte a aeroxeradores no Parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Abadín, en Lugo, Galicia (España). A nova lei de eólicos que prepara a Xunta de Galicia g. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta