Manuel Moreira, CIG-Saúde: “A Atención Primaria ten unha función vertebradora do territorio”

Manuel Gonález Moreira é o novo secretario nacional de CIG-Saúde. As grandes liñas que quere abordar é a defensa da sanidade pública fronte a "parasitación" que sofre por parte das políticas sanitarias da Xunta. Crear vías de solución para evitar a "fuga" de profesionais e tamén o reforzo e mellora laboral da Atención primaria.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/05/2022 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

-Cales son os retos que se marca como novo responsable de CIG-Saúde?

Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal
Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal

O primeiro gran reto é continuar co traballo de CIG-Saúde, pois temos unha personalidade xa consolidada dentro da propia CIG defendendo os dereitos dos e das traballadoras na sanidade tanto pública como privada. Defendemos e apostamos pola sanidade pública como modelo asistencial e un dos nosos grandes retos é consolidar ese modelo, conseguir máis apoio entre o persoal sanitario neste caso, porque iso nos dá forza para seguir defendendo os dereitos das persoas traballadoras e do modelo sanitario público.

 

-Esperades algún cambio nas políticas sanitarias unha vez que Alfonso Rueda asuma a presidencia da Xunta?

Non temos grandes expectativas nos cambios que está habendo. A actual política sanitara ten un perfil ideolóxico relacionado coa súa concepción da asistencia sanitaria como negocio e non como unha garantía para a poboación e o centro de saúde é un dereito fundamental para nós. Pode haber cambios de nomes mais non cremos que a liña xeral mude.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, durante o pleno do Parlamento galego. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, durante o pleno do Parlamento galego. XUNTA DE GALICIA

 

-Isto implica novas mobilizacións de cara unha mellora tanto nas prestacións como na recuperación de competencias perdidas pola sanidade pública?

En relación con iso levamos moito tempo en campaña. Un obxectivo para nós é recuperar a capacidade asistencial da sanidade pública para que poida, cos seus recursos, dar asistencia á totalidade da cidadanía. Isto é unha necesidade evidente como é necesario aumentar o gasto en sanidade pública, é necesario facer un investimento selectivo sobre elementos que aportan máis calidade ao sistema, neste caso é importante o investimento en Atención Primaria porque só desde aí se poden facer actividades preventivas e de promoción da saúde para evitar a enfermidade. Mais como o negocio está na enfermidade, a liña de investimento non é a prevención. Por tanto, queremos mudar ese sistema e apostar pola prevención da enfermidade. Isto último fai que esteamos inmersos en mobilizacións no entorno ás plataformas de defensa da sanidade pública. O 12 de maio temos convocada unha manifestación como SOS Sanidade Pública en Vigo, que como CIG apoiamos e traballamos para que sexa un éxito. Estamos inmersos nunha campaña de mobilizacións xunto coas plataformas, cos colectivos sociais, veciñais, políticos e profesionais para defender a sanidade pública. Tamén estamos inmersos en mobilizacións cun perfil máis sindical, porque tamén son fundamentais, para conseguir ter máis profesionais no sistema, para iso agora estamos facendo unha recollida de sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular co obxectivo de que o Parlamento apoie a nosa demanda de recuperar os acordos suspendidos en 2009 e que xa estaban publicados no DOG. En 2010 suspéndense estes acordos, subtraeron parte do noso salario alegando a situación de crise económica e aínda hoxe seguimos cunha parte do noso salario retido pola administración. Despois de aplicar esta retención salarial díxose que os soldos recuperaríanse logo de pasada a crise e aínda non se aplicou tal compromiso. Isto é importante porque permite ter bos profesionais dentro do sistema, senón eses profesionais buscarán outros lugares e isto trae dificultades para a cobertura de servizos esenciais importantes.

A actual política sanitara ten un perfil ideolóxico relacionado coa súa concepción da asistencia sanitaria como negocio

-O SERGAS anunciu a convocatoria de probas para a coberturas de prazas dentro do sistema sanitario galego. Son suficientes as prazas convocadas para que o sistema funcione correctamente?

É difícil responder a esa pregunta. Aínda que pareza incrible, temos unha serie de problemas para a identificación de prazas. Debido a isto existe un debate sobre se temos máis ou menos ou igual número de profesionais que en 2008. Por que? Por non termos un sistema de identificación das prazas e por iso non é doado facer un seguimento da situación. Si é evidente que temos unhas necesidades asistenciais que sobrepasan as capacidades dos profesionais. Isto é evidente no persoal hospitalario, era evidente que tiñamos unhas listas de espera intolerables antes da pandemia, aínda que tentaran disimular con listas estruturais e listas non estruturais e nunca se aportaron datos ou buzóns de espera para cita, persoas que esperaban data para unha cita médica e que tampouco aparecían en ningunha contabilidade. Coa chegada da pandemia as listas de espera aínda se incrementaron máis. Habería que aplicar un orzamento extra para garantir a realización o máis axiña posible de actividades que non se fixeron. Para iso son necesarios recursos públicos dentro do ámbito público. Contra iso o que se fixo foi entregar parte das listas de espera á sanidade privada e se financie o ámbito privado, isto contribúe á redución de servizos públicos. Ao final é unha descapitalización da sanidade pública en vez de dotala de máis capacidades.

 

-Como non é posible identificar as prazas que é necesario cubrir no SERGAS?

O noso sistema de relacións laborais non temos o que se chama Relación de Postos de Traballo, que é un sistema ríxido e non se adapta ben ao noso esquema de organización de traballo. Aínda así necesitamos un métido adaptado ao noso traballo para identificar esas prazas. En Atención Primaria e nos centros de saúde é máis difícil contar en que condicións e con que contratos están, aínda é máis complicado saber se un ou unha profesional ten a praza alí ou se é reforzo dun compañeiro que non pode estar. En canto ás necesidades, o SERGAS dinos que temos unhas medias de médicos de familia por pacientes aceptables. O problema vén cando nun centro onde había oito profesionais e logo falta tres, as medias xa non se corresponden. As ausencias desequilibran o sistema pois todo está tan axustado que non permite a cobertura eficiente de ausencias. Desta maneira temos unha media de pacientes que superan os pacientes asignados a cada profesional. Isto volve complicada unha atención de calidade, como foi no caso do Centro de Saúde da Guarda, onde por falta de profesionais era difícil manter a continuidade. Outro aspecto do noso país é que a Atención Primaria ten unha función vertebradora do territorio. A presenza ou non de dispositivos de Atención Primaria permite a fixación ou non de persoas nun territorio e por iso debemos garantir a súa preseza por todo o país. Ademais, moitas veces non podemos esperar a ter 1.400 persoas para ter un cupo médico, debe haber cupos con menos persoas, pois o territorio non permite, polos rateos de distancia profesional, ter menos profesionais. Isto fai que as medias non sexan un bo indicador da realidade que temos en Galicia.

A actual política sanitara ten un perfil ideolóxico relacionado coa súa concepción da asistencia sanitaria como negocio

 

-De onde vén a desatención por parte da Xunta á Atención Primaria?

En Atención Primaria chove sobre mollado, pois levamos anos dicindo que a situación debe mellorar. Por iso se aprobara en 2008 un plan para dita mellora e que poñía este segmento en situación de facer a reforma necesaria. En 2009 o goberno Feijóo desbotou o plan e desde aquela non hai un plan para facer as reformas necesarias para adaptarse ás novas demandas asistenciais. O plan tamén é necesario para facer fronte ao envellecemento dos profesionais desta especialidade. Por outra parte, agora a xente vive máis anos mais necesita unha maior atención. Por iso, en vez de facer unha atención de problemas agudos debemos axeitarnos para tratar a cronicidade e dar coidados a enfermos crónicos. Por iso é necesario sumar novos profesionais para aproveitar todas as potencialidades.

 

-E a COVID foi un punto de inflexión.

A pandemia desequilibrou todo isto. Rompeu as costuras sostidas polo persoal en Atención Primaria. Estes profesionais fixeron un esforzo moi importante durante a pandemia, que non se mencionou moitas veces, e foi o coidado de continuidade dos doentes COVID que estaban nos seus domicilios. Áreas sanitarias con miles de doentes que estaban nas súas casas. Se detectabas a agudización da COVID en boa medida evitábase o ingreso no hospital. Ese seguimento sumouse á actividade normal do persoal de Atención Primaria o que probocou un desaxuste coas expectativas da poboación. A consulta telefónica non resolveu moito e non pode ser o único medio de relación paciente-médico.

As ausencias desequilibran o sistema pois todo está tan axustado que non permite a cobertura eficiente de ausencias

 

-Outro punto é a saúde mental e como se aborda en Galicia. Cales son os puntos que a CIG-Saúde porá sobre a mesa nesta etapa?

Temos uns recursos de saúde mental que fan un gran traballo mais cunha capacidade de resposta moi recortada por un tema, a falta de tempo para ter dispoñibilidade e atender pacientes. Que un psiquiatra non poda atender regularmente a un paciente por falta de tempo é un problema. Que a psicoloxía clínica estea xogando un papel subsidiario na saúde mental e que un psicólogo clínico teña que dar unha cita para seis meses máis adiante, fai inoperativa a súa capacidade de resolver temas. Defendemos que a psicoloxía clínica ten que estar máis perto de Atención Primaria e crear sistemas de derivación máis directos á psicoloxía clínica. A atención aos pacientes de saúde mental debe ser reforzada, pois senón, recorren á sanidade privada e só uns poucos poden acceder a esa atención. Parécenos que vai contra a equidade dunha sanidade cen por cen pública para a cidadanía.

 

-Sobre a sanidade privada en Galicia está en mans de corporacións sanitarias. Noutros casos, como o Álvaro Cunqueiro de Vigo, ten xestión privada. Todo isto que afectacións pode ter no futuro da sanidade pública en Galicia?

O modelo do Cunqueiro foi unha teima do PP a pesar de que demostrara a súa ineficiencia no Reino Unido e en Madrid. Foi un fracaso, só hai que ver os novos hospitais programados en Galicia, ningún terá ese modelo porque non era eficiente para a sanidade pública mais si para as empresas sanitarias privadas. Empresas investidoras quedaron co capital da empresa detrás do Álvaro Cunqueiro que ten a concesión por moitos anos. Nós defendemos que o Cunqueiro debe ser recuperado para a atención pública e que Vigo necesita infraestruturas na súa rede hospitalaria para atender o cen por cen da súa poboación. Outro punto é a sanidade privada que realiza funcións que debera facer o SERGAS. En Vigo temos un exemplo tamén, Ribera Salud-Povisa, propiedade dunha compañía estadounidense. Cada vez ten máis peso na área de Vigo e tamén dentro doutras áreas sanitarias galegas. Todo isto co diñeiro que a cidadanía puxo en mans dun goberno para financiar a sanidade pública e que está indo para a privada. A outra liña é denunciar a parasitación dos fondos públicos. Isto é un risco para atender a poboación cun sistema público.

A consulta telefónica non resolveu moito e non pode ser o único medio de relación paciente-médico

 

-Dedúcese que Rueda herda de Feijóo unha situación sanitaria aberta á protesta de profesionais sanitarios e mesmo da poboación, como foi o caso de Verín.

Teño claro que a Rueda lle gustaría ter un ambiente non conflitivo coa sanidade, mais iso está na súa man. Os conflitos nacen como reacción a medidas determinadas. Cremos que a conflitividade se manterá na mesma liña que até o de agora, un pouco paralizada polo efecto da pandemia, mais agora debemos reclamar recursos e os políticos deben responder a isto con medidas positivas. Se non se toman medidas que nós cremos necesarias a resposta será a mobilización con dous obxectivos, informar á sociedade do que acontece e obrigar ao goberno cambiar algunhas medidas e o exemplo de Verín está aí.

 

-Ante a “fuga” de profesionais de Galicia, que solución apunta a CIG-Saúde para frear este éxodo.

Vou poñer o exemplo dos médicos de familia. Os estudantes de Medicina van indo por diferentes centros antes de acabar a carreira, desta maneira ven como se vive e como se traballa na Atención Primaria. Consecuencia, a maioría de estudantes de medicina non queren facer ningunha especialidade relacionada coa Atención Primaria porque ven de primeira man como está esa área. Os que rematan a formación tampouco queren acabar como médicos de familia. Un titor de formación contou que hai anos, o alumnado tiña por obxectivo traballar como el, cunha praza. Agora o que lle din é non querer traballar como el nin ter a praza como el porque as condicións son tan penosas e estresantes que non é o obxectivo para o seu futuro laboral, buscan outros postos de traballo. Temos que mellorar as condicións de traballo e dar unhas condicións dignas.

Manuel G. Moreira, CIG-Saúde
Manuel G. Moreira, CIG-Saúde | Fonte: cig.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta