Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2022 | Actualizada ás 20:51
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, destacou a importancia de utilizar de forma adecuada os fondos de cohesión e defendeu que se empreguen para evitar a emigración da mocidade galega e facilitar o retorno das persoas que nos últimos anos emigraron.
"En Galicia nosa mocidade vive unha emigración forzada para tentar optar a un traballo nunhas condicións menos precarias que as que existen no país. E a crise provocada pola pandemia non fixo máis que agravar a situación laboral da mocidade galega", sinalou Ana Miranda durante a súa participación na mesa de debate 'Xuventude e institución europeas', organizada por ESN Santiago (Erasmus Student Network).
Na súa intervención, da que informou o BNG nun comunicado, lembrou que na última década os emigrados ascenden a 216.413 de entre 16 e 54 anos emigradas.
"Feijóo deixa á mocidade galega nunha situación terrible, cunha taxa de paro do 32% entre os menores de 25 anos, que segundo a última EPA sobe ao 37,8% nos menores de 20 anos", explica a portavoz do BNG en Europa, que sinala ademais que das 216.413 persoas emigradas na última década de Galicia de entre 16 e 54 anos, 79.529 tiñan entre 16 e 29 anos.
"A fuga de cerebros non é mobilidade voluntaria, non é turismo, senón que é unha marcha forzosa e obrigada por non ter oportunidade no propio país", apuntou Miranda, á vez que defendeu a creación dun Plan de emprego xuvenil que garanta a inserción laboral da mocidade, tal e como defende Galiza Nova.
NOVO FONDO SOCIAL EUROPEO PLUS
Ana Miranda destacou que existe un novo fondo europeo, denominado Fondo Social Europeo Plus (FSE+), que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023 e do que o Estado español terá que destinar obrigatoriamente o 12,5% dos fondos a emprego xuvenil.
"Lamentablemente aínda non se sabe canto lle corresponde a Galicia", denuncia a portavoz do BNG en Europa, que lembra que a mocidade leva vivindo dúas crises consecutivas, a de 2008 e a actual, polo que xa se debería saber como van executar estes fondos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.