Podemos denuncia o "silencio cómplice" do PP con Louzán tras a ratificación da súa condena

Aseguran que o expresidente da Deputación de Pontevedra debe saír "inmediatamente" da Federación Galega de Fútbol.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Unidas Podemos considera que o expresidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán debe ser apartado "inmediatamente" do seu cargo como máximo dirixiente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) despois do fallo xudicial que ratifica a súa condena a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación.

Nun comunicado, o deputado de Galicia en Común no Congreso e secretario xeral do partido morado galego, Antón Gómez-Reino, cualifica de "inaceptable" que Louzán continúe á fronte da federación, cuxos estatutos impiden que persoas inhabilitadas ocupen cargos directivos.

A sentenza que condena a sete anos de inhabilitación para cargo ou emprego público ao exbarón provincial do Partido Popular aínda non é firme e contra ela cabe recurso de casación. A  Audiencia Provincial admitiu en parte o recurso contra o fallo en primeira instancia presentado por Louzán, ao que exculpa do delito de fraude.

"A Audiencia vén ratificar e a pór sobre a mesa unha vez máis a corrupción do Partido Popular de Feijóo", incidiu Gómez-Reino, denunciado por Louzán nos xulgados despois de que o relacionase cos casos de corrupción da formación popular durante o debate entre candidatos das eleccións autonómicas de 2020.

"Se Louzán está inhabilitado para exercer cargos públicos non pode formar parte dos órganos de goberno, así o recolle os Estatutos da propia Federación Galega", incidiu o parlamentario, que lamentou o "beneplático" e o "silencio cómplice" da Administración autonómica co exmandatario provincial.

Arquivo - O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino (c), á súa chegada aos Xulgados da Coruña para acudir a unha conciliación pola demanda interposta polo dirixente da Federación Galega de Fútbol e expresidente da Deputación d. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino (c), á súa chegada aos Xulgados da Coruña para acudir a unha conciliación pola demanda interposta polo dirixente da Federación Galega de Fútbol e expresidente da Deputación d. M. Dylan - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta