Borja Verea elixido como novo presidente do PP de Santiago co 98'9% dos votos

Arroupado polo vicesecretario xeral de organización do PP, Miguel Tellado, o presidente do partido na provincia da Coruña, Diego Calvo e os conselleiros en funcións Román Rodríguez, Ethel Vázquez, Rosa Quintana e Anxos Vázquez, Verea reivindicou que fronte a un Bugallo "triste e canso", hai un PP "de futuro e de vangarda".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2022 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

Borja Verea, deputado no Parlamento de Galicia e ata agora presidente da xestora local do PP en Santiago, proclamouse este sábado como novo presidente do PP compostelán co 98,9% dos votos

"A batalla será longa e complicada, pero se algo demostramos é que non temos medo nin a ninguén nin aos obstáculos, por moi complicados que puidesen vir. O que vos podo dicir é que todo o meu esforzo, tempo e vontade van estar dedicadas a un único obxectivo: levar ao PP a unha maioría absoluta dentro dun ano", remarcou.

Arroupado polo vicesecretario xeral de organización do PP, Miguel Tellado, o presidente do partido na provincia da Coruña, Diego Calvo e os conselleiros en funcións Román Rodríguez, Ethel Vázquez, Rosa Quintana e Anxos Vázquez, Verea reivindicou que fronte a un Bugallo "triste e canso", hai un PP "de futuro e de vangarda".

Así mesmo, engadiu que o actual alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, representa "o pasado" e criticou a "ausencia de xestión", xa que considera que a cidade "non está igual que fai tres anos, senón peor". Nesta mesma liña, censurou que cada vez que Bugallo tentou algo "lle complicou a vida aos veciños".

"ESPERTAR A COMPOSTELA"

Así, Verea reivindicou ao Partido Popular como "a única alternativa de cambio, o único voto de futuro" e os únicos que poden "espertar a Compostela e pola en marcha". Para isto, subliñou que fai falta propor un proxecto de cidade de futuro "máis amable familiar e humana", na que "os veciños recuperen o control do espazo público E as rúas volvan estar a disposición dos cidadáns".

Así, defendeu que o centro histórico que, ao seu xuízo, "está nunha situación de colapso con perda masiva de veciños e locais baleiros", volva ser "unha cidade histórica, habitada e produtiva".

Ademais, criticou que Bugallo queira "volver ao pelotazo e á especulación", en referencia á parcela de Peleteiro, e afirmou que a súa proposta será que "volva ser o corazón e o centro da cidade" e que poida ser "un orgullo" para os veciños de Santiago.

"MOCHILA CHEA DE DEBERES"

O novo líder dos populares composteláns recibiu o apoio de numerosos cargos da Xunta, deputados e tamén do vicesecretario xeral de organización do PP, Miguel Tellado, que lle dixo a Verea que sae deste Congreso local "coa mochila chea de deberes" para que durante o próximo ano constrúa un proxecto "desde a unidade" e "un proxecto gañador que represente a todos os composteláns".

Tellado, que chegou á Sala Capitol directo desde a toma de posesión de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta de Galicia, sinalou que este foi "un día histórico" e asegurou que "a coincidencia non é casual".

Así, expuxo que Bugallo foi "o alcalde máis educado", pero lamentou que foi elixido "en 1988" e por iso considera que foi "un bo alcalde, pero no século pasado". Neste sentido, sinalou que Santiago "non pode vivir de recordos nin instalado na melancolía" e defendeu que "ten dereito a vivir na ilusión e nun futuro mellor".

Pola súa banda, Diego Calvo, ademais de transmitirlle a Verea o parabén de parte do novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu aos militantes populares composteláns que o axuden a formar "un equipo de xente comprometida" e co obxectivo claro de "chegar á alcaldía para cambiar as cousas".

Neste sentido, expresou que, a pouco máis dun ano para as municipais, este sábado "elixiron a un bo candidato" para enfrontarse a Bugallo e á "sensación de estancamento" que lle transmite a capital. Ante isto, Calvo afirmou que Borja Verea será "o futuro alcalde de Santiago" e insistiu na importancia de ter un equipo "bo, preparado e que saiba o que hai que facer".

Borja Verea era o único candidato a liderar o partido na capital de Galicia tras a retirada esta mesma semana da candidatura do médico Fernando Mayo, que denunciou ante os medios que Verea era "un candidato imposto polo aparello do partido".

Borja Verea, novo presidente do PP de Santiago.
Borja Verea, novo presidente do PP de Santiago. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta