A Escondida de Ortegal

Muitos som os lugares especiais onde a música e o baile som auroras que alumeam o bem viver, eu conhezo algumas, será por isso que amo vi-ver.Tou a falar duma península entre duas formosas praias no Norte da Galiza, entre as estudadas e elogiadas montanhas de Ortegal onde remata a terra e comeza o mar: Espasante. Se Cristina Peri Rossi ou qualquer outra escritora alquimista do detalhe estiveram entre a vida espasantina encheriam páginas para a memória (lembra-me de Rossi a "La ciudad de Luzbel"). Um pequeno Porto que perdeu barcos de pesca, onde as mulheres - mai protegem aos homes -filhos, ali onde as conversas dam-se á filosofia existencial e a gente atenciona ainda ao mar, ali hà dous locais de concertos, muitos bares onde os homes-filhos cantam e coma no resto do planeta quando o sol chega ao seu ponto mais alto comeza a declinar. A beleza deste sol é especial na terraza do Café Concerto A Escondida, e algumas possiveis respostas do misterio espasantino está nesta entrevista a Ramón Peña, taberneiro e músico de Ortegal.

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 13/07/2014

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

A Escondida de Ortegal
A Escondida de Ortegal

Porque abrir um local de concertos en Espasante? Conta-nos en qué ano foi e qual era a ilusom.

Ben, o certo é que cando me metín na aventura da hostelería foi para abrir unha porta que me permitise escapar do traballo por conta allea, foi no vrau do 92 e daquela non era máis ca un chiringuito de praia  cunha terraza moi linda con herba, un valado de caña e un solpor diario ó rente dunha praia que empezaba a deixar de ser a da miña infancia por mor do dique que se fixo en Espasante por eses anos. Abrín coa licencia da taberna que tivera miña mai. É verdade que dende o primeiro día o soño era o de facer un local de concertos, en Espasante porque eu nacín aquí ,  pero iso chegou despois de 4 ou 5 anos e duas reformas, (por fases, como a obra pública, sin comisións  iso sí). Entretanto claro que houbera tempo para facer algunha cousiña, recordo que cando veu tocar Abe Rábade có cuarteto da escola Estudio de Santiago, á que tiven o pracer de asistir como alumno unhos anos, o local ainda estaba na 2ª fase. Digamos que como tal sala  de concertos con un escenario equipado incluso para a jam espontanea  A Escondida naceu no 97. A ilusión? pois a de seguir vivindo de cerca a música ó vivo e participar nela. Sempre digo que me parecía moi boa idea ter a posibilidade de facer música no meu posto de traballo e dado que non cheguei nunca a profesional pois foiche o xeito que atopei. Moi ben o teño pasado "traballando". Esta afirmación para min é todo un luxo do que, por certo, a coxuntura quer que xa só poida disfrutar no vrau. Pero esa é outra historia.

Qué tipo de música tem entrado na Escondida e qué público recolhe.

Non hai moito prexuizo en canto a estilos  á hora de programar. Poderiase decir que música popular de aquí e de acola. Folk do pais, blues, rock, jazz e tamén cousas de dificil nominación en todalas jams que se teñen sucedido. Por suposto hai un lugar para os afectos e gustos persoais e tamén unha idea clara de dar cancha ás cousas feitas na terra pero sin entrar en exclusividades que me parecen limitadoras, moito máis se falamos de música. Por aquí pasaron a maioria de grupos de Ortegal, moitisimos músicos non profesionales e tamén profesionales, bandas de toda Galicia e de fora que espero que garden un bó recordo de ter tocado aquí, ese é o asunto promover un intercambio dende o respeto mutuo entre o artista e o público e por suposto intentar non ser a nota discordante nese proceso. En canto ó público pois quero crer que ó fin conseguimos atraer a xente interesada na música cun arco de idade moi amplo. Obviamente según o estilo de música que se programe o público varia.

552139_396151673825712_999837618_n

Um lugar tam pequecho como O Porto que tenha o Bar de Fredi e a Escondida de referéncia, é curioso, nom? Qué se passa em Espasante?

Bon, facendo o xogo de palabras Espasante é un sitio onde sempre pasan cousas. Dende fai moito tempo pola sua condición de porto de mar con unhas praias preciosas  recibe turistas que contribuen en gran medida á economía do lugar, quizá hoxe máis ca nunca, pero tamén contribuen a enriquecer a vida cultural. Non sabería explicar porque pero teño a sensación  de que hai unha maxia no lugar que atrae xentes de sensibilidade exquisita e a pesar de que o boom inmobiliario puxo isto en certo risco parou a tempo e a maior parte dos turistas son xente que levan anos repetindo creo que xa por amor ó sitio, bon nalgunhos casos non é que o crea, seino. Entre estas xentes que veñen de fora hai un bo elenco de músicos, pintores, ilustradores, poetas e narradores. En fin, xente interesante para mentes curiosas e inquedas. Non me cabe duda de que Fredi, decano dos bares de concertos na parroquia, é unha desas persoas con inquietudes e curiosidade e dende logo un melomano incurable. Eu só me subín ó carro por gañar unhos cartiños. Todo moi prosáico. (risas)

Tenho vivido no teu local e no de Fredi auténticos momentos de improvisaçom livre a nivel baile e música. Porque crês que ocorre tal expresom de liberdade nos vossos locais?

Ocorren porque non nos sabemos impoñer!! (máis risas). Bon, falando en serio, eu creo que tanto Fredi como eu temos unha mentalidade atlántica non? aberta coma o mesmo oceano. Gostamos ademáis e moito da música e do baile e da festa como de algo que sabemos é do mellor para encher a maleta que todos nos habemos levar. Así que aí estamos propiciando e participando do que o momento nos trae, no fondo penso que é puro egoismo pero tamén quero pensar que hai moita xenerosidade pola nosa parte e pola parte de todos os que participades nesas improvisacións. Polo bar de Fredi pasou moita xente, eu de feito durante un tempo fun músico residente ali con The Perdidos al Rio. E pola Escondida tamén, ti por exemplo Ugia e Pablo Rega, Patxi e Quique Otero, Marco Nisi, Carlos Pia, Miguel Zamora, Marcos Teira, Lar Legido, Dani Garcia, Luis Erades…. buff, seguro que esquezo a máis de un e  pido disculpas porque a todos estou agradecido por igual.

Tu vês de um grupo muito querido na zona e arredor dese grupo germolarom canzons e instrumentistas donde o rock e o pop da comarca forom um simbolo de coesom social para muitos xovens. Qué lembras dessa época e que queda dela?

 Si, antes mencionei o nome dese grupo,  The perdidos al rio. Ali compartín experiencia con Fernando Pía,  un animal de escenario moi prolífico que antes do seu pasamento no ano 91 deixou un feixe de cancións que foron un legado moi importante para a vida músical da comarca. A maioria de bandas que sairon despois diso versionaron algunha canción de Pía. Se teño que dicir a verdade non lembro moito xa desa época, o thc disque fai estragos na memoria, o que si lembro son moitas daquelas cancións e por suposto unha etapa da vida moi linda con toda a enerxia da xuventude posta no soño de tocar. O que queda de todo aquilo son por suposto esas cancions e tamén un amor pola música que me levou a parir e criar a Escondida ata o que hoxe é. Bon, tamén hai algunha foto, non moitas que ainda non había instagram.

A Escondida de Ortegal
A Escondida de Ortegal

552139_396151673825712_999837618_n

Hà uma dicotomia entre o vrao e o inverno espasantino. Cómo afecta a Escondida?

Hai si… non sei se unha dicotomía ou un abismo. Entre os dous meses escasos de vrau norteño e o resto do ano hai tal diferencia a día de hoxe que eu vinme obrigado a pechar a Escondida e buscala vida fora do pais, despois de todo estou a punto de fechar aquela porta que me daba a liberdade de traballar por conta propia e firmar un contrato na emigración. Máis alá da crise, que non axudou, o control da policia có alcohol na estrada acabou con todo. Espasante non é máis ca unha pequena aldea que vai a menos como a correa no lume e antes, cando a xente se podía mover con máis liberdade, (non quero entrar no debate da seguridade vial)  fora de tempada ainda iamos capeando ben porque Espasante era un referente á hora de disfrutar dunhas copas e música ó vivo. Non soupemos solucionar ese problema e agora no inverno faise imposible manter o local aberto. Podemos sumar a iso que nunca a vida foi tan cara como o está sendo agora mesmo. E non me refiro só a cartos que por suposto tamén, senon a dereitos e liberdades.

Cómo describirias a paisagem da terraza Escondida e a paissagem do seu interior num dia qualquer de vrao? Polo que sei podes atopar jam-sesions sem organizar, artistas em geral na terraza e as conversas mais dispares e interesantes.

Bon, a paisaxe pode cambiar moito según o día, claro está, pero postos a describir describirei unha terraza chea de xente pero sin atropellos, o sol caendo por tras do monte da Capelada que é a serra que remata no Cabo Ortegal e si, claro,  en calquer momento alguén se pode botar a cantar ou a tocar ou a bailar. O interior, que é onde temos o escenario principal, ten un caracter moito máis nocturno e ainda que teñen sucedido conversas e impros a calquera hora a verdade é que A Escondida revive dun xeito especial para a música e o baile despois de caido o sol. Con todo eu sempre dixen que a hora máis linda para estar é o solpor, quizá teña que ver tamén co feito de que a partir de aí as posibilidades de acción e interacción multiplicanse.  Recoñezo que ser fora paxaro, que igual o son, sería ave nocturna.

Qué lugar ocupam as conversas na Escondida de Espasante?

Teño dito moitas veces que sempre me gustou e trato de alimentar un espazo de tranquilidade para a parola. Para explicar isto sempre me vou a imaxe daquelas boticas da 2ª  República onde se daban cita intelectuales para, como se di comunmente, amañar o pais. Para min é grande recompensa cando, intervindo ou non, se dan esas conversas sustanciosas. Pero iso en calquer caso non está moito na miña mau. A Escondida non deixa de ser un bar e iso de servir alcol ten, ás veces, danos colaterales. As conversas sufren eses danos porque nunca falta quen perda a calma. Con todo quero pensar que se foi creando un ambiente que propicia moitas veces a comunicación nutritiva.

Qué tes programado ou nom ainda pra este vrao?

Pois para este vrau teño xa fechado a Trilitrate, banda de Vigo cunha proposta moi persoal e dificil de etiquetar i estou para fechar unha data con Ugía Pedreira e Marcos Teira para o mes de agosto. Informamos de toda a programación a través do Facebook. A Escondida  Cafe. O longo do vrau iremos fechando máis cousas ata chegar a ofrecer entre 8 e 10 concertos por tempada ademáis das xa mencionadas jams que nunca se anuncian porque xurden cando xurden.

Serias quem de confesar-me um desejo para fazer mais feliz á tua comunidade a travês da hostelaria do Porto e melhorar tudos mais a qualidade de vida?

Un desexo? Pois ando aí co soño de alongar a tempada para a hostelería de xeito que se poida vivir e que solucione en parte ese problema que antes mencionei e que nos botou ás cordas. Son da idea de que sería moi beneficioso para o pobo poder ofertar aloxamento barato para que a xente poida vir e quedarse a disfrutar os fins de semá non só dos bares de música e restaurantes senon tamén dun entorno moi virxe e con moitas posibilidades para o deporte, a fotografía, a pesca e o espiritu humanista así a grandes rasgos.

Que é Ortigueira para Espasante e Espasante para Ortigueira. A ti qué che parece?

Ben, Ortigueira, (Santa Marta) é a capital do concello para Espasante i Espasante é unha pedania. Ortigueira, ou mellor dito os seus politicos, están sendo unha cruz para Espasante i Espasante é unha xoia para un concello que non a sabe aproveitar nin potenciar. Ortigueira como concello é paradigma da falta de saude democrática do pais. Un concello onde non houbo alternancia en máis de 30 anos de elecións e onde o sistema caciquil de outrora se perpetua e campa ás suas anchas. Dito isto é xusto tamén dicir que Ortigueira como comarca é unha maravilla e a nivel de tecido social ainda con todo pariu cousas como o Festival do Mundo celta que ten regalado moito e moi bó ós que aquí vivimos e os que veñen, e isto ademáis foi cousa dos da vila a través da escola de gaitas que foi outra iniciativa pioneira en Galicia moi de agradecer e digo isto dende unha posición como músico bastante distante da gaita pero con todo o respeto e a admiración. Bon, logo o Festival pasou a ser xestionado dende o concello e quizais perdeu alma cando o parametro principal comezou a ser o número de asistentes e non a calidade da programación, da produción e do eco divulgativo que debera ter. En calquer caso sería moi de agradecer que os poderes públicos da vila de Ortigueira comezaran a ter outra apertura de miras e outra concencia distinta ó "ou estás comigo ou contra min" que no seu día xa os levou a perder Cariño que loitou para conseguir ser concello independente ó meu modo de ver por toda a desidia e mala xestión de Ortigueira.


Ugia Pedreira - Cobrantas

Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.

Máis artigos de Ugia Pedriera aquí.

A Escondida de Ortegal
A Escondida de Ortegal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ugia Pedreira Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço “para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade”. A Central Folque