Alberto Varela: "É necesario cambiar a postura sobre as administracións locais como os irmáns pequenos"

Alberto Varela é presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP. Varela transmite a necesidade de cambios como reverter gastos competenciais que debera cubrir a Xunta e até o de agora cubertos polos concellos. A crise COVID deixou unha alza de prezos que impide unha recadación municipal suficiente para cubrir as necesidades locais.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Esperan unha política continuista desde a Xunta cara a FEGAMP e que lle pedirían ao presidente da Xunta que cambiase desa política?
Cada vez que hai unha nova etapa, neste caso un cambio na presidencia da Xunta con Alfonso Rueda. Eu son optimista e vexo sempre posibilidades de cambiar as cousas. Por iso espero que poda mudar algo tan básico como ter en conta as administracións locais, a súa importancia e o seu peso. Non é ningunha novidade que isto o levamos facendo desde hai moito tempo as administracións locais. Coa pandemia quedou clara a necesidade de cambiar esa tutela ou esa consideración sobre as administracións locais como os irmáns pequenos. A primeira cuestión é que os concellos deberían ser partícipes en tomar decisións que ao final nos toca executar. Durante a pandemia foi algo frecuente e logo sabíamos das decisións polo BOE. Un exemplo, pois se había que desinfectar determinadas áreas do noso municipio ao final sabiámolo polo DOG. Se os concellos participasemos na toma destas decisións, estas serían máis acaídas e eficientes. E ademais, outro punto solicitado a Alfonso Rueda, tamén solicitado a Feijóo, é unha clara delimitación de competencias, isto é, que a Xunta asuma competencias que os concellos asumimos de maneira impropia ou senón, que nos dean o financiamento necesario para prestalas de maneira axeitada.

Reunión da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Fegamp, Alberto Varela. XUNTA
Reunión da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Fegamp, Alberto Varela. XUNTA | Fonte: CONCHI PAZ

-Cal sería un exemplo desta asunción de competencias correspondentes á Xunta?
Dous exemplos son, por unha parte, o mantemento dos centros educativos. Os concellos poñemos cartos para mantelos mais logo non temos ningún poder de decisión  sobre os centros educativos. Xestiónaos a Xunta mais os concellos gastamos cada ano diñeiro nunha figura de mantemento como son os bedeis a quen pagan os concellos e non é persoal que responda aos concellos senón á Consellería de Educación. Outro exemplo é cargar aos concellos os custes dos servizos de drogodependencias e saúde mental e neste caso con maior razón aínda, pois hai un acordo parlamentario onde se pedía o comezo dos trámites para facer o traspaso definitivo e incorporar todo ese persoal aos cadros do SERGAS e polo de agora non se produciu ningún avance.

A primeira cuestión é que os concellos deberían ser partícipes en tomar decisións que ao final nos toca executar

-Nos últimos meses falouse dunha diminución de cincuenta millóns de euros na recadación municipal. Cales son as causas deste fenómeno?
Primeiro falouse, aínda que non é o imposto fundamental, da plusvalía a raíz das modificacións pola sentenza do Tribunal Constitucional. Iso, dependendo dos concellos, ten un maior ou menor impacto económico. Se lle engadimos que se ralentizou a economía por culpa da crise sanitaria temos por exemplo, que a construción tamén decreceu o seu ritmo e os ingresos nos concellos por este concepto son menos tanto en taxas como IAE. Por todo isto, os municipios mostramos a necesidade de paliar esas mermas nos nosos ingresos. Nesta ocasión non recibimos fondos extraordinarios para afrontar a crise sanitaria mais si é certo que o Estado sufriu unha merma en ingresos, si que aumentou a participación nos ingresos do Estado con respecto aos concellos. Pedimos colaboración mesmo á comunidade autónoma a través do Fondo de Cooperación Local e non foi posible. Por iso falo da necesidade de afrontar este tema no futuro.

-Inflúe nisto último o feito de recibir a Xunta unhas medidas que trasladou á Fegamp sobre a revisión de prezos en obras públicas?
Realmente estas medidas non son obrigatorias. O problema aí, e que estamos encontrando todas as administracións, é o aumento nos prezos das materias primas. Iso é unha realidade que está pasando, que a todas as administracións nos está chegando que aquelas empresas con contratos adxudicados neste caso aos concellos, pois que por importe e licitación nestes momentos con esa alza de prezos non se pode rematar as obras. Neste caso primeiro foi un decreto do Estado que permitía ampliar ese prezo sobre os modificados que establece a lei de Contratos, llo permitía ao Estado e ás CC.AA., mais non así aos concellos. Con todo, a través de diferentes acordos permitía ás autonomías habilitar que os municipios puidesen ter en consideración esa suba nos prezos, se así o vían necesario, sobre as licitacións que estaban en marcha. O que fixo a Xunta de Galicia, e xa falara previamente con nós, coa Fegamp, que se poidan aumentar os prezos das licitacións fosen modificados, dentro do que marca a lei.

Os concellos poñemos cartos para mantelos mais logo non temos ningún poder de decisión  sobre os centros educativos

-Quería preguntarlle agora polo case eterno debate sobre comarcalización ou deputacións?
A Fegamp cínguese aos acordos marcados pola asemblea durante catro anos e a dirección que sae da asemblea debe rexerse por eses acordos. Non houbo un pronuciamento dos alcaldes sobre se é mellor a comarcalización ou a deputación. As deputacións son membros da Federación e o seu papel é asistir fundamentalmente aos concellos máis pequenos.

-Sobre o abandono do rural que propostas lle puxo a Fegamp ao novo presidente da Xunta?
O que puxemos sobre a mesa e non só á Xunta, tamén ao Estado, é que no reparto de fondos de financiamento deben ter en conta as especificidades e características de Galicia, dispersión, entidades singulares moi pequenas, avellentamento moi importante e todo iso debera sumar no momento do reparto para que os concellos máis pequenos teñan recursos para prestar servizos públicos de calidade. Para conseguir realmente que os concellos máis pequenos sexan polos de atracción é fundamental a prestación de servizos de calidade, sobre todo cunha poboación tan avellentada con centros de día e residencias. Isto, como apuntaba un alcalde hai pouco, é unha maneira de mellorar a calidade de vida e unha maneira de crear emprego no concello. Ter uns servizos moi parecidos aos das cidades é fundamental. Tamén aproveitar as potencialidades do noso rural, sectores produtivos e o turismo rural que leva medrando.

As deputacións son membros da Federación e o seu papel é asistir fundamentalmente aos concellos máis pequenos

-Como se está levando a acollida de refuxiados ucraínos en concellos que forman parte da Fegamp?
A Fegamp púxose a disposición da Xunta e do Estado e así fixemos todo o que se nos pediu. Poñer a disposición as vivendas, a Fegamp pediu aos concellos saber cantas prazas había dispoñibles para acoller os refuxiados e á parte, é indubidable que os servizos sociais dos concellos están axudando a moitas persoas, fundamentalmente as que veñen por cauces extraoficiais. Isto porque hai vías xa preestablecidas mediante convenios e logo hai quen se chega fóra das vías de entrada establecidas. Niso están os servizos sociais tratando de botar unha man.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

As Deputacións son "membros da Fegamp" así a "cousa" funciona mellor cada día... por iso os concellos máis pequenos teñen que asinar en branco se queren ter dereito ás esmolas (?) Para que carallo serven a Femp e maila Fegamp ? Ao mellor é que aínda non descubrimos as súas utilidades ocultas ?