Allariz, un referente traballando pola convivencia, tamén a través da sexoloxía

Do 26 ao 28 de agosto terá lugar a III Escola Sexolóxica de Verán baixo o tema: "O coidado dos sexos: diálogos entre a saúde e a sexoloxía".

Por Galicia Confidencial | Allariz | 29/05/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A III Escola Sexolóxica de Verán que terá lugar en agosto é unha iniciativa da área de igualdade do Concello de Allariz, en colaboración co Instituto de Sexoloxía Incisex, co que mantén un convenio dende hai catro anos. Segundo Maribel Poisa, concelleira de Benestar Social, o traballo en igualdade no Concello de Allariz xa é un referente, así como a convivencia traballada neste caso a través da sexoloxía.

Presentación 'Escola de Sexoloxía 2022'. Foto: Prensa do Concello de Allariz
Presentación 'Escola de Sexoloxía 2022'. Foto: Prensa do Concello de Allariz

Beatriz Pérez, técnica de igualdade, explica que esta terceira edición céntrase no coidado de cada persoa, de cada individuo, porque segundo ela "somos persoas con diferentes casuísticas e peculiaridades. A través da escola sexolóxica podemos pensar, conversar e reflexionar con outras profesionais da saúde sobre o tema".

Pola súa banda, Uxía Fernández, educadora familiar do Concello de Allariz, comentou que a través da sexoloxía pódese aportar diferentes claves para traballar o que está a pasar por mor da etapa que se viviu coa pandemia e como iso nos influíu como persoas.

ACTIVIDADES PROGRAMAS NAS XORNADAS

Do 26 ao 28 de agosto haberá diferentes eventos, charlas e actividades que pretenden mellorar o coidado dos sexos. Ademais das charlas teóricas con contidos sexolóxicos haberá obradoiros, relatorios e mesas redondas sobre temas tan importantes como: a endometriose, os sexos e o cancro de mama ou a sexoloxía en relación a outras intervencións profesionais como pode ser a psicoloxía, a xinecoloxía ou a obstetricia.

Tamén haberá outras actividades como a visita guiada ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que este ano ten como tema principal “Xardíns terapéuticos, deseños que curan”.

As prazas para participar son limitadas e o prezo de inscrición será de 40 euros para matrículas formalizadas antes do 30 de xuño. A partir do 1 de xullo e ata o 31 o prezo da matrícula será de 50 euros. A adxudicación de praza realizarase por orde de inscrición. Para anotarse pode facerse a través do teléfono 988 554059, ou ben, a través do correo electrónico fogardosmaiores@allariz.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta