Allariz albergará xardíns con deseños feitos en Madrid, Austria, Montenegro, Italia, Colombia ou USA

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abriu as portas da súa duodécima edición baixo o tema central de “Xardíns Terapéuticos, deseños que curan”. Ata o 30 de outubro poderase visitar o recinto que acolle os dez xardíns que concursan polo voto do público.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 21/05/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A XII edición do Festival Internacional de Xardíns ten como tema central a terapia en espazos abertos e o beneficio que iso aporta á nosa saúde. Un ano máis, a colaboración entre o CEIP Padre Feijóo e o IES de Allariz plasmouse na parcela educativa na que os rapaces e rapazas quixeron representar o divertido que é xogar ao aire libre. Con este obxectivo elaboraron un xardín que leva por título “O xogo cura. Máis parque e menos pantallas".

Xardín 'Camiño do recordo': Foto: Prensa Concello de Allariz
Xardín 'Camiño do recordo': Foto: Prensa Concello de Allariz

Ata o 30 de outubro poderase visitar o recinto que alberga os dez xardíns que concursan polo voto do público, ademais do xardín gañador na pasada edición, "O camiño cara a emigración de Rosalía", e o xa devandito xardín deseñado polos alumnos e alumnas dos centros educativos de Allariz.

Doce xardíns para gozar: dez a concurso chegados de diferentes lugares, o gañador do 2021 e o realizado polo alumnado dos centros educativos de Allariz

Na máis que recomendable visita ao Festival poderanse atopar, entre os dez que concursan, xardíns realizados por paisaxistas galegos como Legado ou A árbore da vida, e tamén xardíns de Madrid, Austria, Montenegro, Italia, Colombia ou USA.

CITA ORIXINAL E CONSOLIDADA

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) converteuse nunha cita consolidada no programa paisaxístico e referente pola súa particularidade: é  o único das súas características que se celebra en todo o Estado. Cada ano, Allariz convoca este concurso ao que se presentan decenas de propostas chegadas de todo o mundo. Entre eles escóllense 10 que se exhiben e compiten polos votos que outorgan os máis de 40.000 visitantes que pasan cada ano polo festival.

Xardín 'Gardenarium: The health rooms'. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Xardín 'Gardenarium: The health rooms'. Foto: Prensa Concello de Allariz.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) é o único das súas características que se celebra en todo o Estado

Segundo explicaba María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, “o festival supón un importante recurso para Allariz, proba disto son os 40.000 visitantes que se achegan cada ano ao recinto. A edición deste ano fainos reflexionar sobre un tema de plena actualidade, a importancia que xogan os espazos verdes e xardíns na saúde física e mental das persoas, ademais de gozar das creacións de paisaxistas de todo o mundo,  aproveitemos para pór en valor a importancia de vivir nun entorno como no que residimos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta