Galicia segue sen rexistrar un só caso confirmado da varíola do mono

Os tres pacientes sospeitosos foron declarados negativo, pero hai outros dous en estudo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A rede sanitaria establecida pola Consellería de Sanidade para avisar de posibles casos sospeitosos de varíola do mono detectou outros dous novos en Galicia, tras o resultado negativo dos tres iniciais en estudo.

Así o confirmou este venres, a preguntas dos medios, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no marco dun acto en Santiago, quen explicou que "había tres primeiros sospeitosos que apareceron" e "xa está confirmado que o resultado é negativo". "Por tanto, non se trata de casos de varíola do mono", apostilou

Con todo, anunciou que "agora hai outros dous que tamén son sospeitosos e están en período de análise e aínda están sen confirmar nun sentido ou noutro". Por iso, o presidente da Xunta insistiu en que "a día de hoxe non hai ningún caso confirmado en Galicia" de varíola de mono tras "ese tres xa descartados", mentres que outros dous novos están "en estudo agora mesmo". "Esperemos que se poidan descartar tamén", concluíu.

Unha molécula das vexigas do mono como resultado dun estudo da universidade Carlos III.. Jesús Hellín - Europa Press
Unha molécula das vexigas do mono como resultado dun estudo da universidade Carlos III.. Jesús Hellín - Europa Press | Fonte: Europa Press

Iso, concreta Sanidade, eleva a "cinco o número total de persoas que presentaron un cadro compatible coa varióla do mono". Sanidade indicou que permanece á espera de que o Instituto de Salud Carlos III "avalíe nos seus laboratorios estas dúas últimas mostras remitidas desde Galicia".

PACIENTES ESTABLES

Por parte das autoridades sanitarias galegas destacaron que estes dous novos pacientes con casos en estudo atópanse "estables" e non requiriron ingreso. Sanidade incide en que desde que recibiu a alerta internacional sobre a patoloxía o pasado 17 de maio o departamento sanitario da Xunta "mantense vixiante para poder identificar e confirmar ou refugar os posibles casos desta enfermidade".

En concreto, o pasado venres, 20 de maio, Sanidade informou do primeiro caso sospeitoso, unha persoa non hospitalizada que presentaba unha clínica compatible coa definición distribuída polo Ministerio de Sanidade.

Pola súa banda, o luns 23 de maio informou Sanidade de dous novos casos sospeitosos da enfermidade das denominadas vexigas do mono. Este martes pasado, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apuntou que eses tres pacientes presentaban "patoloxía leve" e ningún ingresado, tras recibir o alta o que estaba hospitalizado por "patoloxía asociada que tiña".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta